Audiencia Nacional suspende o bloqueo de Telegram

luns, 25 de marzo do 2024 Marcus Fernández

O pasado venres transcendeu que o xuíz da Audiencia Nacional, Santiago Pedraz, como medida cautelar nunha causa pola vulneración de dereitos de propiedade intelectual, ordenaba o bloqueo no territorio español da aplicación Telegram, medida considerada totalmente desproporcionada, pois falamos dunha ferramenta que conta en España con máis de 8 millóns de usuarios activos, aos que prexudicábase directamente con esta medida, vulnerándose os seus dereitos fundamentais.
Durante a fin de semana coñeceuse o detalle do auto do xuíz Pedraz, que daba un prazo de 3 horas aos operadores españois para bloquear Telegram, pero entendíase que non se facía efectivo até o luns pola mañá, aínda que finalmente parece que non será así, pois aseguran que o xuíz Pedraz finalmente suspendeu o bloqueo a Telegram en España para solicitar máis información á Policía Nacional sobre a incidencia que tería sobre os usuarios o bloqueo temporal así como outros detalles sobre a natureza da platforma.
A medida de bloqueo foi unanimemente criticada, tanto pola súa desproporcionalidade como pola súa falta de eficacia, xa que aínda que o bloqueo afectaría aos usuarios básicos que simplemente empregan a plataforma para contactar con outras persoas, a quen non causaría molestias é aos que precisamente vulneren dereitos de propiedade intelectual, que coñecen sobradamente os métodos cos que conta Telegram dende os seus inicios para saltar os bloqueos. Todo isto levaba a pensar que o xuíz ditou o auto de bloqueo da plataforma cunha grande ignorancia sobre o impacto real de tal acción e a ridícula eficacia dunha medida que, por outra banda, introduciría a España na vergoñenta listaxe de estados que exercen a censura na Internet.
Se ben é certo que Telegram tende a ignorar as solicitudes das autoridades xudiciais, parece máis razoable que, de querer tomar medidas contra a plataforma, parecería razoable actual a escala europea, aínda que neste caso cómpre salientar que Telegram non ten un volume de usuarios activos grande dabondo para que se lle poida aplicar a Lei de Mercados Dixitais (moi rigorosa). Telegram si sería unha plataforma susceptible da aplicación da Lei de Servizos Dixitais, o que pode traducirse en importantes sancións, que de non satisfacerse si podería levar a un bloqueo da aplicación moito máis xustificado que por unha pequena causa nun estado membro da UE.

ACTUALIZACIÓN: Tras recibir a pertinente información da Policía Nacional sobre a natureza de Telegram e o impacto que podería ter o seu bloqueo, concluíu que tal medida suporía «un claro prexuízo para aqueles millóns de usuarios que a utilizan (a grande maioría sen ligazón algunha con actividades ilíticas)» e incluso «en moitos casos se lles impediría realizar labores de índole profesional».
Pedraz tamén aseguran que o informe policial recolle que a medida cautelar contra Telegram tería «un certo impacto económico para as empresas ou sociedades que desenvolven grande parte da súa actividade comunicativa a través desta plataforma de comunicación posto que a consideran unha canle fiable e seguro contra intervencións non desexadas».
O maxistrado da Audiencia Nacional tamén recoñece que a medida tampouco sería axeitada xa que os usuarios poderían empregar proxies e VPN que permiten «acceder a Telegram e seguir consumindo ou publicando tales contidos».

PUBLICIDADE