Asus presenta os seus ordenadores da familia NUC

martes, 9 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O pasado verán Intel anunciou que deixaría de desenvolver directamente os seus equipos informáticos compactos Intel NUC, tomando a remuda Asus, fabricante que aproveitou o CES para presentar toda unha gama de equipos NUC, incluíndo modelos orientados aos videoxogos.
O equipo desta nova familia máis compacto sería o Asus NUC 14 Pro+, que conta cun chasis de aluminio anodizado que conta no seu interior cun potente procesador Intel Core Ultra 9, de xeito que pode presumir de grande potencia nun tamaño reducido. Tamén contaría con numerosos portos para periféricos e pantallas externas, polo que será un produto bastante atractivo para usos profesionais.
Nunha liña semellante estaría o Asus NUC 14 Pro, que sería lixeiramente máis grande que o anterior e podería equiparse con procesadores Intel Core Ultra 7/5. Conta con conectividade Wi-Fi 6E e soporta até 4 pantallas externas, polo que tamén sería un bo equipo para usos profesionais.
Pero o que máis sorprende que entre nesta familia é o Asus ROG NUC, ou sexa, o primeiro NUC para gaming, xa que falamos dun equipo compacto (o seu chasis ten un volume de só 2,5 litros) que pode equiparse cun procesador Intel Core Ultra 9/7 e unha gráfica nVIDIA GeForce RTX 4070/4060, de xeito que podería correr os xogos máis esixentes pese ao seu tamaño contido. Tamén é un equipo moi válido para usos profesionais, xa que podería manexar até 4 pantallas 4K á vez, e incluso ten un deseño que facilita o acceso ao sen interior sen ferramentas (detalle moi práctico para futuras actualizacións e labores de mantemento).

PUBLICIDADE