As vertentes da ciberseguridade menos tratadas polo medios centraron un webinar do CPXG e PuntoGal

mércores, 20 de marzo do 2024 S. P.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, PuntoGal e a Global Cyber Alliance (GCA), co apoio do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, e o Nodo Galego de Ciberseguridade, celebraron este 20 de marzo unha xornada formativa sobre ciberseguridade nos medios. Os relatores puxeron o foco nalgúns dos aspectos menos tratados da cobertura informativa desta temática.
Por exemplo “a debilidade intrínseca das infraestruturas, as mudanzas que se están a dar na gobernanza mundial da seguridade na rede ou a falsidade dalgunha das crenzas máis estendidas entre usuarios e usuarias”.
A sesión desenvolveuse baixo o epígrafe Cara a un novo xeito de falar de ciberseguridade: nomes, números e rutas e contou coa participación de Carlos Seisdedos, investigador e analista de intelixencia en seguridade internacional e ciberseguridade, Pablo López-Aguilar, director asociado do programa de seguridade da Global Cyber Alliance, e Alejandro Fernández-Cernuda, director de compromiso do programa de integridade na internet na GCA, e estivo presentado por Valeria Pereiras, membro da Xunta de Goberno do CPXG.
Carlos Seisdedos comezou a xornada cunha reflexión sobre o tratamento mediático da ciberseguridade, a partir da cobertura do caso Alcatec, no que participou persoalmente. Seisdedos felicitou os medios polos avances realizados, especialmente no abandono dun tratamento sensacionalista, pero apuntou tamén algunhas mudanzas que “seguen a ser necesarias, como evitar a romantización dos delitos cibernéticos (chamando a substituír o uso do termo hacker por ciberdelincuente), evitar informacións que poidan favorecer a quen delinque ou facer un seguimento que vaia alén dos ataques realizados e se faga tamén eco dos que se puideron parar”. Rematou a súa intervención salientando o papel do factor humano na ciberseguridade, “especialmente no relativo á gobernanza e protección das infraestruturas, un aspecto que ás veces é esquecido na cobertura mediática”, dixo.
Pablo López-Aguilar centrou a súa intervención nos principais tipos de ataques, describindo os distintos conceptos básicos de ciberseguridade que están recollidos no glosario publicado por PuntoGal. Tamén debullou algúns mitos que tenden a repetirse na cobertura de noticias de ciberseguridade, como o do hacker solitario (fronte á gran industria do crime cibernético), o da suposta seguridade que garante o cadeado que se ve na meirande parte das páxinas web (fronte ao que realmente significa esa icona: que a información viaxa cifrada) ou a idea de que o elo máis débil da cadea de internet sexan os usuarios e as usuarias, cando o é a infraestrutura a que é intrinsecamente feble, “e até as persoas máis expertas poden ser vítimas de ciberataques”, sinalou.
Pola súa banda, Alejandro Fernández-Cernuda centrouse no ecosistema colaborativo que protexe Internet, lembrando o obxectivo primeiro da GCA: reducir o risco cibernético fornecendo aos usuarios e usuarias, o primeiro elo da ciberseguridade, de utensilios como a caixa de ferramentas para xornalistas. Fernández-Cernuda repasou o labor da GCA e o estado da cuestión dos sectores implicados, como o debate sobre a mitigación do abuso de dominios, as novas regulacións europeas para os dispositivos interconectados e a falta dun enfoque unificado sobre o tráfico malicioso na rede, o avance do proxecto MANRS ou, no ámbito estatal, o feito de que España sexa o único país cun servizo telefónico de atención ás vítimas da ciberdelincuencia, o 017. Nese sentido, apuntou que “se están dando movementos que apuntan cara a un cambio de ciclo, como o fomento da autorregulación, a colaboración internacional ou os límites ás grandes compañías”.
A gravación do webinar e os materiais complementarios están xa dispoñíbeis na plataforma de formación do Colexio de Xornalistas, para que poidan ser consultados de maneira gratuíta por todas aquelas colexiadas e colexiados que o desexen.

PUBLICIDADE