As televisións españolas poderían emprender medidas legais contra Zattoo
luns, 6 de agosto do 2007
As 5 televisións xeralistas de España están a
estudar medias legais contra Zattoo, aplicación que se vale de tecnoloxía P2P
para a distribución do seu sinal a través da Internet, valéndose do argumento
de que se a empresa responsable se considera operadora de cable estaría
obrigada a emitir as seis canles analóxicas que hai no Estado.
O problema da argumentación de Zattoo é que a lexislación española cambio, de
xeito que agora é preciso que as canles e as operadoras de cable cheguen a un
acordo para a redifusión do sinal o que levou, por exemplo, a que Antena.Neox e Antena.Nova
desapareceran da grella en aberto de R, e dende laSexta xa aseguran que
Zattoo carece de autorización algunha para a difusión da súa canle polo que
anuncian que están a preparar unha demanda que presentarán “o vindeiro mes de setembro”.
TVE, Antena 3, Cuatro e Telecinco tampouco ven con bos ollo a difusión do seu
sinal, e tamén están a estudar as medidas a tomar ó respecto.
Actualmente Zattoo está a ter moito éxito en España, cunhas 240.000 descargas
do seu programa, de xeito que a súa base de usuarios estaría a medrar entre
20.000 e 30.000 persoas cada semana.
Dende
a publicación Cinco Días tamén
inciden no feito de que Zattoo está a incluír na súa oferta de canles Canal 24
Horas e Teledeporte, que son dixitais, polo que a aplicación da lei na que
se escuda Zattoo non sería axeitada, valendo só para as canles analóxicas.
Os responsables de Zattoo en España agardan pechar acordos coas canles de
televisión en breve, pois coidan que serán quen de convencelas de que a difusión
pola Rede das mesmas lles resultará beneficioso.
