As cidades do futuro, eixe temático da XVII Noite Galega das Telecomunicacións
mércores, 17 de outubro do 2012
A
XVII Noite Galega das Telecomunicacións, que organizan
o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia
(COETG) e máis a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de
Galicia (AETG), vaise celebrar o vindeiro 26 de outubro no Gran Hotel
da Toxa (O Grove) baixo o acubillo temático das cidades intelixentes
(smart
cities), os
espazos urbanos do futuro integrados por múltiples unidades dixitais
interconectadas (empresas, institucións e fogares en liña: a
temática da guía-marco presentada os días pasados, precisamente,
pola AETG). A Noite, que vai reunir unha boa cantidade dos nosos
profesionais ligados ás TIC, do ámbito privado e do
público, acollerá unha vez máis a entrega de varios
galardóns.
Galardóns como o Premio Gradiant á
Mellor Tese Doutoral Aplicada no sector das Tecnoloxías da
Información e a Comunicación (TIC) e o Premio Gerardo García
Campos 2012 á mellor iniciativa empresarial no sector, para o que se
conta coa colaboración do Centro
Tecnolóxico Gradiant e a Fundación Ingeniero Gerardo García
Campos, respectivamente.
O obxectivo tanto de Gradiant (Centro
Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia) como da AETG no
tocante ao primeiro galardón, é recoñecer a mellor tese doutoral
aplicada no sector das TIC, promovendo a realización de
investigacións como vehículo de xeración de coñecemento e
fomentando a excelencia daqueles investigadores das universidades
galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable
ao sector TIC.
A este premio, dotado con 2.000 euros (e
co prazo de presentacións xa pechado),
concorren aquelas
persoas que teñan defendido a súa tese nalgunha das tres
universidades galegas durante os anos 2008, 2009, 2010, 2011 e 2012 e
que teñan relación directa coas áreas da transferencia tecnolóxica
(patentes, licencias) e/ou orientación ao negocio.
Pola súa
banda, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de
Galicia (COETG) convoca nesta ocasión a X edición do Premio Gerardo
García Campos 2012 á mellor iniciativa empresarial no sector
tecnolóxico galego, un galardón que ten como obxectivo recoñecer
un proxecto empresarial emerxente no ámbito das TIC que sexa de
utilidade para a sociedade galega.
A este premio, que conta cunha
dotación económica de 6.000 euros, optan
as pequenas e medianas empresas privadas relacionadas co sector das
TIC, iniciativas galegas (na súa
totalidade ou en parte) que leven
constituídas menos de cinco anos na data da convocatoria. Segundo informan dende a organización,
“para a concesión do galardón,
valorarase especialmente a viabilidade do proxecto a medio e longo
prazo”.
Cidades intelixentes
Como dixemos, a nova edición da Noite estará dedicada ás smart
cities (cidades intelixentes), un concepto de
espazos urbanos comprometidas co seu contorno, onde as
infraestruturas están dotadas de solucións tecnolóxicas avanzadas
para facilitar a interacción das persoas cos elementos urbanos e no
que están implicados diferentes sectores, como o enerxético ou o
asistencial e mesmo outros, como o de turismo e lecer. Interveñen
tamén múltiples disciplinas referentes á mobilidade urbana, a
seguridade, a teleasistencia, a administración electrónica, etc. Ao
fío disto, a Noite contará co apoio das empresas máis importantes
dos ditos sectores, “sen as cales”, sinala a AETG-COETG,
“non sería posible a celebración do evento”. A cita,
engádese, será unha cita para participar activamente no intercambio
de ideas e experiencias e máis na xeración de novas oportunidades
de negocio.