Adobe fai máis doado o uso da súa IA xenerativa

martes, 23 de abril do 2024 Marcus Fernández

Actualmente temos bastante ligada a imaxe da intelixencia artificial xenerativa con complexas instrucións que chamamos prompts para que a IA cree o que queiramos, e dende Adobe avanzan para que este proceso sexa cada vez máis doado, incrementando opcións e facendo que cada vez o software teña máis opcións que simplifiquen a interacción coas ferramentas xenerativas.
Como grande mostra tesmo agora que a beta de Adobe Photoshop vén de incorporar o terceiro modelo de Adobe Firefly, que promete contidos máis seguros para o seu uso comercial, imaxes de maior calidade, mellor interpretación das ordes do usuario, máis precisión na creación de texto nas imaxes e incluso a posibilidade de engadir unha imaxe de referencia ás instrucións de xeración de imaxe (o que pode supor un importante aforro de tempo).
Dentro do sistema de creación de imaxes a partir de texto tamén está a mellorar a cantidade de opcións de estilo que temos dispoñibles, de xeito que podemos marcar numerosas opcións á hora de cubrir un lenzo en branco sen ter que crear un prompt moi complexo, podendo aforrar así moito tempo. A xeración de imaxes semellantes tamén contribúe a afinar os resultados que buscamos mentres escollemos entre as distintas variacións creadas automaticamente.

Vídeo no que amosan algunha das novidades sobre IA xenerativa no Photoshop

PUBLICIDADE