Abren as xornadas Marca Galicia na procura de reivindicar a nosa identidade na era da globalización

martes, 29 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

As Xornadas sobre Publicidade Marca Galicia abriron as súas portas na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo (Pontevedra) coa Internet no punto de mira como un dos principais escenarios onde cómpre concentrar máis esforzos para acadar unha presentación (virtual e real) de Galiza que lle faga xustiza e que, ó mesmo tempo, a promova e a faga interesante para toda a comunidade redeira.
O encontro, que está organizado polo Club Internacional de Prensa, foi inaugurado polo director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias, quen afondou no que avanzamos no primeiro parágrafo: “Para competir nun mundo global só poderemos facelo cun valor engadido que está ó alcance da man: a identidade propia e a excelencia dos resultados desa identidade, sexan produtos, servizos ou percepcións”.
En definitiva, serán catro días (dende hoxe ata o venres 1) para reivindicar o noso como instrumento contra a peor face da globalización, esa que impón pensamentos uniformes e perpetúa ós xigantes empresariais, culturais e políticos nos seus postos privilexiados.
Asemade, ó longo destas xornadas abriranse vieiros para reflexión sobre a propia natureza da Sociedade do Coñecemento: cómpre afacérmonos ás súas linguaxes porque a propia Internet, decote brazo dereito do tecido globalizador, paradoxalmente pode constituír o principal vieiro para facerlle fronte.
No acto de apertura tamén participaron Alberto Pena, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e Carmen Carballo, directora do Club Internacional de Prensa. Nas xornadas participarán (entre outros) o comunicólogo catalán Joan Costa (ofrecendo un obradoiro sobre a creación de marca), Miguel Conde Lobato (presidente de BAP Conde) e Mónica Valderrama (vicedecana da devandita Facultade). Ademais, desenvolveranse cinco mesas debate nas que participarán profesionais da publicidade e da comunicación en xeral.