A web meucelta.com renóvase en feitura e fondo

martes, 3 de setembro do 2013 Redacción

A equipa que conforma a web meucelta.com anunciou os pasados días a renovación da dita páxina, lugar de encontro dunha boa parte dos seareiros do club vigués e galego. Dáse a circunstancia que a nova face do site mudou tanto por dentro coma por fóra; cunha nova feitura o espazo en cuestión tamén estrea contidos e novos membros. Así, ao equipo incorpóranse: Adrián Rubio -encargado de O Rival (antigo Analizando ao Rival)- e Jacobo Otero -responsable de A Lupa-. Seguen a traballar nesta web: María Sabarís e Santi Martínez na Opinión, ao que se engade Manuel Bragado. O resto do equipo atópase na sección Nós.
Entre as novidades salienta a cabeceira, que combina o vermello da cidade de Vigo e o celeste propio do equipo de fútbol. En canto ao logotipo, dicir que tamén lembra ao escudo do Celta, desta volta cunha versión máis reducida reservada para as redes sociais. A parte superior conta cunha estrutura máis ordenada e funcional. Na portada preséntase unha nova principal, onde se centra toda a atención do día e tres máis que completan a actualidade do Celta. Ao seu carón, un espazo para as Galerías de fotos cos intres máis importantes da Liga. De seguida, vese un espazo para a Opinión dos colaboradores. Máis abaixo está o oco para as Últimas Publicacións e logo un oco reservado para as novas relacionadas coa Canteira, un apartado para as Entrevistas e O Máis Lido da semana con feitura de ránking. Despois sitúanse as Enquisas de actualidade e por último, o terceiro bloque, composto polas novas máis comentadas, os comentarios máis recentes, as redes sociais ás que se poden acceder desde outros dispositivos e os últimos tuits publicados dende a conta @meucelta.

PUBLICIDADE