A sétima edición do festival Carballo Interplay entregou os seus galardóns

luns, 23 de novembro do 2020 S. P.

A sétima edición do Carballo Interplay, a primeira convocatoria online do certame galego máis relevante de contidos dixitais, amais de ser un dos máis prestixiosos do panorama estatal, chegou este sábado 21 de outubro ao seu remate, cunha gala na que se entregaron os premios ás mellores webseries, galardóns nos que se implicou arreo o público, que tivo ocasión de votar os audiovisuais finalistas da sección oficial a través da Rede.
Válidas, a serie na que Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos), con dirección de Nacho Pérez-Pardo, fabulan a vida de dúas cómicas que fan todo o posíbel por conseguir notoriedade conquistou tanto Premio de Mellor Webserie Estatal como o Premio do Público.
O xurado composto por Brays Efe, Alfonso Zarauza, Fernanda Tabares, Guillermo V. Zapata e Andrea Gumes outorgou á animación divulgativa de Antón Varela, Os 20 do XX, o Premio de Mellor Webserie en Versión Orixinal en Galego, dotado con 800 euros e trofeo, e o de Mellor Webserie Internacional, dotado tamén con 800 euros e trofeo, foi para Subsolo, unha serie portuguesa que conta un día na vida de cinco adultos novos con Lisboa como pano de fondo, os seus problemas financeiros e dúbidas existenciais, situacións incómodas e íntimas.
Pola súa banda, Egoitz Diaz gañou o premio AGAG ao mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo, por Ixa, unha serie xuvenil composta por historias independentes en torno ao uso do tempo e aos non-lugares, gravada en formato vertical favorecer a visión no móbil e que nace co obxectivo de fomentar o uso do euskera entre a xente máis nova.
E Alvaro Carmona conquistou o Premio CREA á mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, pola segunda temporada de Gente Hablando, unha proposta que trata temas universais a través de conversas cotiás entre dúas ou máis personaxes e que o ano pasado conquistara os premios do público e guión, tamén para Álvaro Carmona. O xurado tamén destacou o traballo nesta serie de Raúl Fernández de Pablo co Premio ao Mellor Actor.
O Premio á Mellor Actriz foi para a galega Anxela Ríos por Destapando Casares, un thriller transmedia que constrúe un clima de desconfianza arredor dos segredos das persoas que conviven na Universidade Carlos Casares.
O xurado novo, composto por Laura Mendez, Antía Suárez e Jaime Regueiro decidiu outorgar o seu premio, dotado con 400 euros e trofeo, a Pikuak, unha serie en euskera sobre tres mulleres novas divertíndose e loitando xuntas.
Reunido en Carballo o xurado composto por Alfonso Zarauza, Lorena Iglesias, Antón Varela e María Yáñez decidiu outorgar o Premio ao Mellor Proxecto de Webserie en Galego, dotado con 3.000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos de Cacola, un proxecto de webserie de animación en 2D dixital de David Fidalgo, director, guionista, animador, director de arte e montador de varias curtas e videoclips de animación. Cunha estética cartoon con cores planas e animacións irreais, os capítulos de Cacola presentarán “historias autoconclusivas duns 30 segundos cun ton de comedia absurda na que todo pode pasar”, segundo explicaron no festival de Carballo.

PUBLICIDADE