A plataforma galega de crédito Trocobuy consolida a súa segunda fase de desenvolvemento

venres, 20 de xullo do 2012 Redacción

A plataforma galega Trocobuy, achegada pola firma Vigiliam a comezos de ano baixo o nome de Trocobank, segue arestora a afianzarse como unha alternativa axeitada e accesíbel para todos aqueles emprendedores e profesionais que queiran conseguir do xeito máis cómodo financiamento para os seus proxectos e actividades sen que sexa preciso dispoñer de cartos en efectivo. Isto é posíbel grazas á concorrencia en Trocobuy dun importante número de empresas de todo o territorio estatal, amosando o seu apoio (tal e como vemos no blog de Trocobuy con declaracións sobre o seu potencial) e acadando, a través del, un volume de crédito total de 8,3 millóns de euros.
Estamos a falar, para que se entenda, dun eido de actividade de financiamento diferente ao tradicional, máis independente e menos xerárquico, autónomo (leva a cabo as súas propias operacións de compravenda) e desligado das canles bancarias xa coñecidas. O servizo Trocobuy atópase neste intre en pleno impulso da súa segunda fase de medre, lucindo importantes melloras de uso, un redeseño novo de pantalla de acceso e máis un buscador de información optimizado.
Asemade, o sistema déixanos ver a listaxe dos últimos produtos e servizos que entraron a integrarse na plataforma e, en datas vindeiras, achegaranos a posibilidade de acceder a ela dende o móbil, achegándonos marxe para a realización de operacións comerciais con Trocobuy dende calquera lugar. Este último servizo virá da man da galega TeixuAPPS, tal e como fixemos saber dende Código Cero hai unhas semanas, con motivo da posta en marcha desta segunda fase de desenvolvemento.
Estas e outras vantaxes de Trocobuy, que o equipo responsábel da súa materialización cualifica de solidario e transparente, aparecen enumeradas no blog do servizo por un importante número de usuarias e usuarios, entre as/os que se conta Jorge Estomba, de protecciondedatosonline.com, que cualifica a plataforma de crédito galego como unha “boa oportunidade para tódalas empresas, pois sempre é posíbel aforrar en gastos fixos ou en necesidades de compra”. Porén, sinala que o mellor funcionamento do servizo virá cando se conte cun meirande número de empresas, achegando apoio e axudándose unhas ás outras.
Pola súa parte, para José Luis Vicente Barreira, propietario de Nova Missatgers (con sede en Barcelona), estamos ante “unha idea xenial que cómpre converter en realidade, achegando de xeito conxunto capacidade de traballo, ilusión e confianza, co obxectivo de obtermos algo moi produtivo”.

PUBLICIDADE