A nova tempada de Iniciador Galicia comeza o vindeiro xoves en A Coruña

venres, 2 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Nacho de Francisco, Marketing Manager de Elogia, será o primeiro relator da nova tempada de Iniciador Galicia

Tras o paréntese estival, volven a celebrarse os encontros de emprendedores tecnolóxicos Iniciador Galicia, con novidades no equipo organizativo e con novos patrocinadores, e algún cambio, como o feito de que nas vindeiras edicións centrará ás súas convocatorias nas cidades de A Coruña e Vigo (aínda que, de xeito excepcional, tamén participarán na celebración dos 20 anos da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense).
Entre as novas incorporacións ao equipo que organiza estes encontros figuran Miguel Rodríguez no equipo coruñés e Eva Monroy en Vigo; e como patrocinador sorprenden ao contar coa empresa estadounidense TROPO.
Esta serie de eventos que normalmente está composta por un breve relatorio por parte dun convidado, ao que segue una quenda moi dinámica na que os asistentes comparten comentarios e opinións co orador para achegar unha visión práctica e persoal sobre os asuntos a debate e as experiencias empresariais persoas (o que resulta sumamente instrutivo) xa teñen fixado o calendario para as súas 3 vindeiras entregas:
- 15 de setembro: Nacho de Francisco, Marketing Manager de Elogia, impartirá un relatorio baixo o título Señoras y Señores que no tienen claro como definir su plan de marketing, Unete!!!, co que pretende dar unhas pautas para crear un bo plan de marketing que axude ás novas empresas a tirar proveito dos recursos ao seu alcance coa maior efectividade. O encontro terá lugar no ITE CaixaGalicia sito na Ronda de Nelle, 31 de A Coruña.
- 29 de setembro: Sergio Montoro de Knowgate e PastillaRoja será o convidado que participará no Iniciador Galicia que estará integrado na celebración dos 20 anos da ESEI de Ourense.
- 20 de outubro: Antonio Sáez, de Gigas.com (tras a súa participación na creación de Ya.com, Terra e FON) achegarase a Vigo para compartir as súas experiencias.
Como vén a ser habitual, estes encontros están abertos á participación, resultando especialmente de interese para os emprendedores tecnolóxicos galegos, e aceptando sempre propostas de ideas e convidados para dinamizar esta serie de eventos que xa levan 2 anos contribuíndo a tecer o sector TIC na nosa comunidade.