A galega Optare Solutions participa no proxecto europeo BATS

luns, 10 de decembro do 2012 Redacción

As instalacións de Optare no Parque Tecnolóxico de Vigo

A firma galega Optare Solutions participa no proxecto de investigación BATS (Broadband Access via Integrated Terrestrial & Satellite Systems), iniciativa europea da que falamos recentemente en Código Cero e que se dirixe a suprimir as diferenzas entre as zonas urbanas e rurais (fenda dixital) á hora de cumprir cos obxectivos da Axenda Dixital de subministrar a todos os habitantes da Unión Europea unha velocidade de acceso mínimo a internet de 30 Mb/s. O programa BATS é tamén un consorcio do que tamén forman parte centros de I+D e empresas de toda a contorna europea, entre os que se contan, amais de Optare, o centro vigués Gradiant, o operador R, Avanti Communications, o Centro Aeroespacial Alemán (DLR), Thales Alenia Space ou o InstitutoFraunhofer. Sinalar que o eido xeográfico elixido para as probas de campo é o eido galego e máis o alemán.
O proxecto, como dixemos o outro dia, céntrase na integración de servizos de banda larga terrestres e por satélite para que a experiencia de usuario poida ser moito mellor que a que se consegue na actualidade, especialmente naquelas zonas con difícil cobertura.
A firma Optare, emprazada no Parque Tecnolóxico de Vigo, é responsábel, entre outras cousas, da comunidade Natural Born Telco, unha iniciativa dirixida a favorecer o contacto e a colaboración entre persoas interesadas en traballar no sector das TIC e das Telecomunicacións e coidar a relación con elas, pondo a primeira pedra do que será un colectivo de seareiros do mundo das operadoras.
Lembrar que Optare ten unha ampla experiencia en servizos de enxeñaría de telecomunicacións, tecnoloxías do coñecemento e novas canles de traballo (como a devandita Natural Born Telco).

PUBLICIDADE