A UDC doa 15 ordenadores para o campamento de refuxiados de Tinduf

xoves, 24 de abril do 2008 Raquel Noya

Dende a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña van saír en breve quince ordenadores que a UDC doará ó campamento de refuxiados de Tinduf, en Alxeria, onde miles de persoas viven en condicións lamentables nunha situación provisional que se prolonga xa por máis de trinta anos.
Esta é unha acción que a UDC repite de xeito habitual, cada vez que os seus ordenadores quedan sen uso por mor da renovación dos mesmos. Deste xeito, as organizacións non gobernamentais benefícianse de material que acabaría no contedor do lixo de non ser pola iniciativa desta Universidade. Nesta ocasión, a UDC decidiu destinar 15 equipos informáticos a esta iniciativa solidaria “á petición do propio persoal de administración da facultade”.
Aínda que a intención da organización era enviar un número máis elevado de computadores, esta tivo que limitalo a 15, debido a que o campamento non conta con suficientes placas solares para dotarse da enerxía que precisan para facelos funcionar.
Non obstante, a Universidade da Coruña asegura que para o vindeiro ano está previsto “incrementar a cantidade de ordenadores” sempre e cando algunha empresa doe placas solares que xeren a enerxía suficiente para traballar con eles.
O destino destes computadores serán “os hospitais e os colexios e será para moitos escolares a primeira vez que teñan acceso á informática”.
O envío ata o barco que sairá de Alacante efectuarase a través da empresa de transportes Azkar, que colabora desinteresadamente nesta iniciativa solidaria. Desde este porto saen todos os anos expedicións procedentes de toda España que queren sumarse á caravana da paz.
Imaxe tomada do caderno de Extrujado en Flickr.com.

PUBLICIDADE