A Steam Deck dispara o seu prezo

mércores, 27 de maio do 2026 Marcus Fernández

A actual crise de abastecemento de memorias levou a que Valve tivese problemas para lanzar as súas futuras Steam Machines (que aínda seguen sen fixar a súa data e prezo de lanzamento) e deixase de reabastecer unidades da súa célebre Steam Deck. Pero finalmente decidiron volver a pór á venda a Steam Deck, cunha actualización de prezo para sufragar o incremento de prezo das memorias.
Os novos prezos das consolas Steam Deck resultan alarmantes para moitos, que consideran que o actual prezo da versión OLED da consola portátil de Valve é desproporcionado. Falamos de que o modelo con 512 GB de almacenamento ten un prezo de 779 euros (cando antes costaba 549 euros) e o modelo con 1 TB custa 919 euros (fronte aos 679 euros que custaba anteriormente). Estas subas de entre o 35 e o 42 % son o suficientemente grandes como para considerar que a intención de Valve é, simplemente, manter o produto no mercado a longo prazo, entendendo a situación actual como algo accidental e temporal.
Esta situación fai sospeitar que os plans de lanzamento da Steam Machine este ano poderían frustrarse, xa que cunha política de prezos análoga o equipo informático compacto orientado ao xogo estaría claramente fóra de mercado.