A Piuvi-Tecnópole de Ourense ofrece catro espazos de balde para outras tantas empresas de base científico-tecnolóxica

xoves, 7 de xuño do 2012 Raquel Noya

Hoxe en día, ter unha idea innovadora para un negocio emprendedor, por boa que sexa, non é garantía ningunha de éxito se non se conta con financiamento para desenvolvela, ou a lo menos, algo de axuda económica para dar os primeiros pasos.
Con esta idea, a de axudar aos membros da comunidade universitaria a botar a andar as súas ideas emprendedoras de negocio, a preincubadora do campus de Ourense, Piuvi-Tecnópole, vén de aportar o seu gran de area, ofrecendo catro espazos de balde no Parque Tecnolóxico de Galicia, para outras tantas empresas de base científico-tecnolóxica.
Na iniciativa colaboran tres entidades galegas moi comprometidas sempre neste tipo de causas, que son o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, a Cámara de Comercio e Industria de Ourense e a Confederación de Empresarios de Ourense.
A convocatoria para acceder a estas prazas foi publicada este mércores, 6 de xuño, e nela convídase a estudantes e novos titulados “a presentar proxectos emprendedores relacionados con calquera das ramas do coñecementos dos estudos da Universidade de Vigo”, aclaran no DUVI.
Entre as ideas que se presenten, e logo dunha entrevista persoal, unha comisión valorará o proxecto e elixirá un total de catro para arrancar a actividade da preincubadora universitaria.
A cada un dos proxectos elixidos, a Tecnópole asignaralle nas súas instalacións un espazo de 20 metros cadrados totalmente de balde, para usar libremente por un período de 6 meses, prorrogables ata un ano.
O cubículo dispón de electricidade, dunha liña telefónica con ata 25 euros mensuais de consumo e dunha rede de ata 5 GB de tráfico.
Ademais, segundo explica Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense, os beneficiarios terán a posibilidade, tamén de xeito gratuíto, “de aproveitar as actividades de formación e asesoramento ofertados pola Cámara de Comercio e Industria de Ourense e pola Confederación de Empresarios de Ourense”.
Os proxectos poderán ser elaborados individualmente ou en grupos formados por un máximo de catro estudantes, que deberán presentar, entre outra documentación, a descrición da idea emprendedora cunha extensión máxima de 10 páxinas, o currículo de todas as persoas solicitantes e unha carta de interese na que xustifiquen a súa motivación para participar nesta convocatoria, así como as súas expectativas en caso de resultar gañadores.
Na valoración das propostas, a comisión de selección premiará criterios como o carácter innovador do proxecto, o seu nivel de desenvolvemento e a súa viabilidade; o potencial internacional e de creación de emprego e calidade do mesmo; o aproveitamento dos recursos dispoñibles; a sustentabilidade e responsabilidade social do negocio e o nivel de implicación real dos emprendedores.

PUBLICIDADE