A PENTAX K-3 pode controlarse vía web

martes, 8 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Para os afeccionados ás cámaras DSLR dende Ricoh están ofrecer a nova PENTAX K-3, un produto robusto e completo que conta cun sensor CMOS APS-C, pode disparar 8,3 imaxes por segundo, inclúe tecnoloxía de filtrado de suavizado seleccionable, dúas rañuras para tarxetas SD (o que facilita a separación de imaxes JPEG e RAW, prestación realmente interesante para usuarios de tarxetas Eye-fi para facilitar a transferencia sen fíos das imaxes en JPEG), e incluso unha boa gravación de vídeo en alta definición.
Aparte das mencionadas tarxetas Eye-fi, a PENTAX K-3 é compatible coas tarxetas de memoria PENTAX FLU SDHC, que dotan ás tarxetas de conectividade Wi-Fi pero tamén permite que dende un ordenador ou dende outro dispositivo poida tomarse control da cámara a través dun navegador web, facilitando tanto a visualización en tempo real da imaxe que capta a cámara como axustar a obturación e o punto de enfoque automático, ou incluso ver as imaxes gravadas na tarxeta de memoria.
Esta nova cámara sairá á venda en novembro a un prezo de 1.299,95 dólares (958 euros) para o seu corpo ou de 1.699,95 dólares (1.253 euros) cun obxectivo DA 18-135 mm F3.5-5.6 WR.

PUBLICIDADE