A Oficina de Acollida ao Peregrino presenta unha nova web de información estatística

martes, 28 de marzo do 2023 S. P.

A web da Oficina de Acollida ao Peregrino estreou unha nova sección de estatísticas, máis ampla e mellorada, que permitirá aos usuarios ter acceso a información en tempo real dun “xeito dinámico e visual”. Así o fixeron saber en rolda de prensa as entidades responsábeis do proxecto: a Universidade de Santiago (a través do grupo de investigación que coordina a profesora de Métodos Cuantitativos Isabel Neira) e máis a Fundación Catedral de Santiago. A nova ferramenta, indicaron, permitirá mellorar o coñecemento dos camiños e os peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, a través da análise dos datos estatísticos do censo de peregrinos recolleitos pola propia Oficina do Peregrino.
Este proxecto de visualización foi deseñado mediante a ferramenta informática Power BI, de Microsoft, dando forma a un sitio web que, entre outras vantaxes, posibilita aos usuarios da web dispoñer de paneis con obxectos visuais como táboas e gráficos interactivos a través de filtros personalizábeis, segundo as necesidades de información de cada quen. Desta maneira, poden obter información detallada sobre os peregrinos que realizan o Camiño, analizando as orixes, os camiños que percorren e as súas variábeis demográficas, o “que contribuirá a mellorar o coñecemento sobre eles”, explicaron na presentación.
Esta colaboración entre a Universidade e a Catedral de Santiago, engadiron, é “un exemplo de como a tecnoloxía e a investigación poden contribuír ao acceso ao coñecemento e mellorar a experiencia das persoas, de maneira que se ofrece un acceso a información relevante e personalizada en tempo real que permita coñecer co máximo grao de detalle a experiencia da peregrinación xacobea”.

PUBLICIDADE