A Deputación de Pontevedra porá na Rede a memoria histórica da provincia coa axuda de familias e entidades

luns, 19 de decembro do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha unha campaña para recompilar a memoria colectiva da cidadanía no Arquivo Provincial, aquela que quedou no anonimato no século XX silenciada pola ditadura. Trátase da iniciativa Cae de Caixón, un programa da área de Memoria Histórica da Deputación que busca captar, documentar e rexistrar fondos privados (imaxes, cartas e documentos ...) que poidan ter interese para a poboación pola súa relación co golpe de Estado de 1936, o tempo inmediatamente anterior ao golpe, ou da ditadura. A información difundirase de maneira pública á sociedade e aos investigadores a través da web AtoPo da Deputación (buscador catálogo documental e bibliográfico).
Segundo explica a deputada de Memoria Histórica María Ortega, moitas familias e entidades teñen “alfaias de interese público que deben saír do caixón: a foto do avó que estivo preso cando era novo, ou da avoa na época en que foi rapada”. Para a familia, subliñou, “son só fotografías dunha persoa querida, pero para o resto da sociedade son parte da historia dun tempo que non podemos esquecer”.
O obxectivo da Deputación é facer que o Arquivo Provincial, subliñou a nacionalista, “se converta no grande lapis de memoria que recompile toda a memoria histórica que agora fica espallada nas casas e tamén nas institucións”, asegurou. Lembrou que xa hai colaboracións co Concello de Redondela, o de Pontevedra ou o Arquivo Provincial estatal “no rescate de material”.
A xefa do Arquivo Provincial (servizo de Patrimonio documental e bibliográfico) Ana Vicente, explicou que todas as familias e entidades que desexen achegar fotografías, documentos, cartas, ou diarios poden facelo con total confianza porque o material será tratado “con todo o respecto, dignidade, esmero e dedicación”.
O obxectivo da Deputación, dixo, é facer público o material e que se poida descargar a través de Atopo, pero sempre será decisión da persoa, familia ou institución que cede ata que punto se debe manter a privacidade. De feito, as persoas doantes deberán elixir se deixan o material só para ser consultado en sala por persoas investigadoras, se o deixan para que apareza en Atopo solicitando permisos concretos para usalo noutros ámbitos, ou se o ceden para a descarga libre.
Aclarou que o material sempre quedará en mans das persoas propietarias, xa que só o deben achegar polo tempo preciso (uns días) para que sexa dixitalizado. Logo, os orixinais devolveranse acompañados por un lapis de memoria (USB) con todos os fondos tamén en formato dixital.
As persoas interesadas neste proceso poden contactar co Arquivo Provincial, enviando un correo a memoriahistorica@depo.gal ou poñéndose en contacto persoalmente con este departamento ou coa área de fondos audiovisuais, onde tamén se lles informará de todo e se concertará cita para unha primeira reunión co equipo.

PUBLICIDADE