A Deputación de Pontevedra ofrece en novembro 38 actividades de formación dixital

mércores, 7 de novembro do 2018 Redacción

SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, regresa este mes de novembro con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. En total, estamos a falar de 38 accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro. As inscricións nos devanditos obradoiros pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.
As oficinas de Vigo, Ponteareas e Porriño acollerán en conxunto 21 cursos; a sede da Deputación en Pontevedra outras sete; o Centro ExpoSalnés de Cambados tamén sete; e o viveiro de empresas Lalín 2000 tres máis.
Vigo
As quendas para o mes de novembro na oficina de Vigo comezaron este martes con Mellora a túa presenza online promocionando o teu blog. A seguinte acción será Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing, o xoves 8. O curso Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analytics chegará a Vigo o martes 13 ás 18:00 horas. O xoves desa mesa semana, ás 19:00 horas, impartirase Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. O 20 de novembro, ás 17 horas, será a quenda de Facebook para promocionar o teu negocio turístico. O 22, ás 19 horas, celebrarase a acción Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal. E, para rematar, Vende os teus produtos en Facebook e Instagram celebrarase o 27 de novembro, tamén ás 19 horas. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.
Pontevedra
As quendas son as seguintes: Facebook para promocionar o teu negocio turístico. O xoves, 8 de novembro ás 18 horas, será a quenda de Crea e explota un CRM para a túa empresa desde cero. O curso Consideracións á hora de crear o teu modelo de negocio impartirase o xoves 15. O martes 20, á mesma hora, terá lugar Vende os teus produtos en Facebook en Instagram. Esa mesma semana, o 22 tamén á mesma hora, vaise impartir o obradoiro Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing. O curso Aprende a usar correctamente Facebook para empresas chega o 27 de novembro, tamén ás 19:00 horas. Por último, o xoves 29, impartirase Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal, á mesma hora. A oficina SmartPEME de Pontevedra, no edificio administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos.
Ponteareas
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: Aprende a usar correctamente Facebook para empresas, este martes ás 19:00 horas. O 8 de novembro, ás 19 horas, desenvolverase Vende os teus produtos en Facebook e Instagram. O martes da seguinte semana, ás 17 horas, esta vez na sede da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), impartirase Linkedin: a túa rede de networking. A seguinte será Mellora a túa páxina web e posicionala en buscadores, o martes 20 ás 18 horas. A quenda de Plan de marketing en liña para empresas turísticas será o xoves 22 de novembro, ás 17 horas. Por outra banda, o martes 27 ás 19 horas, terá lugar o obradoiro Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal. E, xa por último, o xoves 29 ás 19:00 horas, Consideracións á hora de crear o teu modelo de negocio será a acción que impartirá o persoal do programa. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
Porriño
A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing. Plan de marketing en liña para empresas turísticas o xoves, 8 de novembro, ás 17 horas. O martes 13, ás 18 horas, impartirase Crea e explota un CRM para a túa empresa desde cero. A acción Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal será o xoves desa mesma semana, ás 19:00 horas. O 20 de novembro, á mesma hora, será a quenda de Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest. O 27, tamén ás 19:00 horas, impartirase o curso Escolle o hosting máis adecuado para as túas necesidades. E, por último, o 29 de novembro á mesma hora terá lugar Aprende a usar correctamente Facebook para empresas. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Cambados
As quendas para o mes de novembro son as seguintes: Escolle o hosting máis adecuado para as túas necesidades. O día 8, ás 19 horas, Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing. Por outra banda, Crea e explota un CRM para a túa empresa desde cero terá lugar o martes 13, ás 18 horas. O 20 de novembro, ás 19 horas, levarase a cabo Fotografía gastronómica: trucos para conseguir unhas fotografías deliciosas. Esa mesma semana, o día 22 á mesma hora, será a quenda de Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas. A semana seguinte, o 27 ás 17 horas, chega Estratexias de marketing para a túa empresa turística. Por último, Aprende a usar correctamente Facebook para empresas chegará o día 29, ás 19:00 horas. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no Paseo da Calzada, s/n.
Lalín
A primeira cita do mes na oficina SmatPEME de Lalín ten lugar o xoves, 8 de novembro, ás 19:00 horas co curso Fotografía gastronómica: trucos para conseguir unhas fotografías deliciosas. Tras este primeiro obradoiro, o 13 de novembro ás 17 horas, impartirase Estratexias de marketing para a túa empresa turística. E, por último, o mércores 28 de novembro ás 19 horas, esta vez no viveiro de empresas de A Estrada, celebrarase o curso Unifica a xestión das túas redes con Hootsuite. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE