A Deputación de Lugo opta a 750.000€ do Goberno para dar formación dixital nos concellos rurais

venres, 2 de febreiro do 2024 S. P.

A xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou solicitar os fondos ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico co fin de desenvolver un programa de capacitación tecnolóxica destinado sobre todo aos maiores, mulleres, nenez, mocidade e persoas en situación de desemprego. O importe será de 750.000€. Porase o foco nos concellos de menos de 5.000 habitantes.
Así o explicou a voceira socialista do Executivo provincial, Pilar García Porto, quen concretou que, con esta nova iniciativa, a Deputación “pretende reforzar o apoio que xa estamos prestando aos concellos para a transformación dixital grazas aos fondos que conseguimos da Unión Europea, coa dotación de servizos e equipamentos tecnolóxicos que contribuirán a mellorar o servizos públicos que ofrecen ós seus veciños e veciñas”.
Detallou, así mesmo, que o programa que solicita agora a Deputación ao Goberno central está dirixido á formación e capacitación tecnolóxica, fundamentalmente de colectivos sociais para os que se require unha perspectiva demográfica específica, como os maiores, as mulleres, a infancia, a mocidade e as persoas en situación de desemprego.
Entre as cuestións que se van abordar en caso de obter este novo investimento, sinalou García Porto, están a elaboración dun currículo en liña, o manexo de ferramentas de emprego como LinkedIn ou Infojobs, tamén o uso práctico da Intelixencia Artificial, a edición de fotografías, a mercadotecnia dixital, o uso da banca online ou facer reservas por Internet, entre moitos outros temas vencellados coas novas tecnoloxías que son útiles para o día a día.
“Queremos seguir achegando as novas tecnoloxías ao noso rural, contribuíndo a eliminar a fenda dixital, e mellorar así a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, que é un factor fundamental para loitar contra o reto demográfico e fixar poboación na nosa provincia”, asegurou a deputada.

PUBLICIDADE