A Deputación de Lugo anuncia a súa adhesión a Smart Agro nun ciclo sobre robótica agrogandeira

luns, 11 de xullo do 2022 S. P.

Este luns celébrase en Lugo a primeira xornada do ciclo de conferencias Robótica agrícola e gandeira. A inauguración, que se desenvolveu no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, contou coa participación do da delegada do reitor Elvira López Mosquera, a directora da dita Escola, Rosa Romero, e o deputado de Promoción Económica e Socia, Pablo Rivera, quen puxo en valor a innovación ao servizo do sector primario e salientou o exemplo da Granxa Experimental do Leite, de titularidade provincial, como un exemplo de tecnoloxía avanzada ao servizo da gandería. A iniciativa, que continuará ata mañá, está organizada polo Campus e conta coa colaboración da Deputación de Lugo.
Rivera Capón incidiu en que o apoio á actividade agrogandeira “é precisamente unha das liñas de actuación fundamentais da Deputación de Lugo”. E engadiu: “Colaboramos coa Universidade de Santiago e co propio sector produtivo para impulsar accións, coma esta, que, a través da transferencia de coñecemento, axuden a mellorar a competitividade, a produtividade, a diversificación e a creación de valor engadido do sector agroalimentario da provincia”. Un dos proxectos destacados dentro da colaboración da institución provincial coa Universidade, dixo, “é a Granxa Experimental de Leite, na que temos un exemplo da robótica gandeira que abordan estas xornadas”.
Así mesmo, lembrou que a xunta de Goberno da Deputación aprobou o pasado venres a adhesión da entidade ao proxecto Smart Agro: Territorios rurais, agroalimentarios e intelixentes, unha iniciativa da que forman parte outras 8 deputacións e máis de 30 empresas de toda España co obxectivo de concorrer conxuntamente a fondos europeos co fin de potenciar o sector primario a través da dixitalización e a innovación. “A Deputación de Lugo”, destacou, convértese deste xeito “na entidade de referencia no Norte de España” deste grupo de traballo, pois o resto de institucións presentes son do sur e do centro do país: Córdoba, Cáceres, Badaxoz, Cidade Real, Xaén, Salamanca, Soria e Teruel.
“Apostar polo sector primario é apostar polo futuro da provincia de Lugo. Un futuro que pasa pola formación, pola investigación e pola modernización constante. Un futuro que pasa por iniciativas coma esta”, recalcou Pablo Rivera.
O ciclo de conferencias Robótica agrícola e gandeira busca dar a coñecer as novas tecnoloxías na agricultura e a gandería. Os expertos tratarán durante as dúas xornadas o estado da robotización agrícola e gandeira en España e as tendencias para os próximos anos. Tamén se abordará a imaxe que esta robotización da actividade agrícola está a ter na sociedade.

PUBLICIDADE