A Comisión Europea deixa marxe para o cobro por chamada recibida no móbil

martes, 17 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Nun mundo onde os usuarios de telefonía móbil tivesen que pagar por chamadas recibidas, habería alguén de entre todos eles que collese unha chamada dun número que non figurase na súa axenda? Con independencia de que unha boa cantidade de seareiros da mobilidade estean tan achegados xa ao seu aparello (o teléfono) que sofren febres espasmódicas cando o esquecen no fogar, o caso é que se apelamos ao sentido común das persoas en xeral (que o hai) é moi pouco probable que se collese algunha chamada nas devanditas condicións. Porén, e malia a evidencia do que parece máis ou menos razoable, a Comisión Europea vén de anunciar que a día de hoxe está preto de admitir a posibilidade de que os operadores lles cobren custes ao cliente por recepción de chamada, con independencia de que estea nun país estranxeiro ou no propio.
Esta medida, que se denomina “custo de terminación de chamada” (Mobile Termination Rate, MTR), xa está a ser levada á práctica en certos países de Asia e en Estados Unidos, onde (a xuízo da UE) achegou polo visto unha baixada importante nos prezos das comunicacións.
Ou sexa, que o obxectivo é baixar os prezos das tarifas de terminación, que é o que as compañías lle cobran a outros operadores polo emprego da súa rede cando a chamada se encamiña cara un dos seus clientes.
Este, o de botarlle unha man aos usuarios, semella ser o argumento da Comisión Europea para dar a coñecer esta iniciativa e que, polo menos nun principio, as organizacións de consumidores lle dean o beneficio da dúbida antes de pensar se lle botan enriba ou non. A medida xa está en certa maneira en fase avanzada (esta semana se lle vai dar marxe aos operadores para aplicala ou non).