YouTube e MySpace, convidados polas “SGAES” do mundo a pagar polo emprego de obras protexidas
mércores, 7 de marzo do 2007
Xa o dicíamos os días pasados nunha información sobre Microsoft pechando fileiras coa industria do libro e do audiovisual en contra de Google e da súa web YouTube: a este servizo de vídeos en liña lle están a saír máis inimigos co paso dos días, non, co paso das horas. Entre estes, cóntanse cada vez máis (unhas turrando das outras) as sociedades da xestión de dereitos de autor, e máis ou menos todos sabemos o que significa iso: que probablemente non deixarán durmir ós responsables de YouTube ata que regulen os pagos polo emprego non autorizado de pezas protexidas. Tampouco MySpace se libra de oír queixas, xa que tamén aparece con letras ben grandes nun comunicado de CISAC e BIEM, dúas entidades de xestión que representan a outras 250 de todo o mundo, e que veñen de convidar (amigablemente, si) ós devanditas empresas web a sentar e dialogar sobre a sinatura dos contratos que lles abrirán o vieiro para o pago dos dereitos.
Cómpre salientar que no comunicado non é todo ameaza velada, senón que tamén hai liñas para recoñecer (e está ben que así sexa) os méritos de YouTube e MySpace, que “contribúen á promoción de grupos musicais ou directores debutantes e permítenlles contactar de xeito inmediato cunha ampla audiencia”. Porén, reclaman aquilo que consideran que lles pertence: o pago polo emprego do material protexido. Sexa como sexa, os dous ditos servizos web están neste intre nunha encrucillada máis grande do que se pensaba: por unha banda aínda non obteñen propiamente beneficios (teñen tras de si investimentos de gran envergadura) e, cada día que pasa, atópanse con máis atrancos legais. Significará todo isto a fin definitiva de YouTube e MySpace tal e como os coñecemos?
