Xuventude organiza tres cursos en liña sobre voluntariado e asociacionismo
mércores, 26 de setembro do 2007
A Dirección Xeral de Xuventude vén de presentar unha serie de cursos de formación para os voluntarios vinculados á Sociedade da Información e os seus recursos. Dáse a casualidade de que estas actividades apóianse en boa medida do no uso da Rede (tanto no fondo coma na feitura), comezando polo mesmo proceso de inscrición, que xa se pode facer na páxina do Voluntariado Galego. Segundo informa o dito departamento da Xunta, trátase de tres cursos en liña (amais doutros tres presenciais), de 20 horas de duración cada un deles. Un deles, o de iniciación ao voluntariado, vaise celebrar entre o 1 e o 19 de outubro, “coa finalidade de ofrecer unha visión xeral deste fenómeno, así como de ensinar os coñecementos e habilidades necesarios para a acción solidaria”, sinala a organización.
O segundo dos cursos sobre iniciación á xestión de asociacións desenvolverase entre o 22 de outubro e o 9 de novembro. O seu obxectivo é coñecer todas as claves no proceso de constitución dunha asociación. Finalmente, o terceiro dos cursos, sobre xestión de programas de voluntariado, celebrarase entre o 12 de novembro e o 14 de decembro, co obxectivo de dotar ás asociacións de ferramentas que lles permitan mellorar a súa relacións cos voluntarios e dispor dunha maior capacidade de planificación, procura e continuidade dentro das súas organizacións.
A inscrición para os cursos en liña remata este venres para o curso de iniciación ao voluntariado, o día 10 de outubro, no caso do de Iniciación á xestión de asociacións e o 30 de outubro, para aqueles que se queiran inscribir no curso relativo á xestión de programas de voluntariado.
