Xa podemos participar na consulta pública para a Axenda Dixital española

xoves, 26 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Presentación da apertura do proceso, celebrada este 25 de xullo/ Imaxe de Europa Press

Este 25 de xullo, mentres a nosa terra celebraba o Día da Patria, a vida política TIC seguía a súa marcha no resto do Estado, e con acontecementos de relevancia, como por exemplo a apertura da consulta pública para a Axenda Dixital española (ata o 30 de setembro e no que podemos participar tódolos cidadáns a través da web específica da folla de ruta tecnolóxica). Este proceso, que culminará cun documento definitivo que sexa a referencia principal en materia de Telecomunicacións, Sociedade da Información e eAdministración, permitirá, en palabras do Goberno, máis transparencia, máis democracia e máis fluxo de ideas e propostas para acadar, de xeito común, un obxectivo compartido: estender ao máximo o emprego intelixente das novas tecnoloxías no conxunto do Estado.
Para elaborar a proposta da Axenda Dixital partiuse dun diagnóstico dos resultados obtidos por políticas públicas anteriores e, tamén, dun exame exhaustivo da situación actual do sector. O desenvolvemento da folla de ruta vén da man dos Ministerios de Industria e Facenda, e no proceso de consulta participaron xa colectivos, asociacións, empresas do sector, gobernos autónomos, entidades locais e o resto dos ministerios. Froito do seu traballo conxunto é a proposta de Axenda que se somete a consulta dende este 25 de xullo ata o 30 de setembro. O obxectivo da folla de ruta é maximizar o impacto das políticas públicas en novas tecnoloxías no contexto actual, contándose cun orzamento de 3.174 millóns de euros para o período 2012-2015. A través dela establecerase a estratexia de España para acadar os obxectivos da Axenda Dixital para Europa, buscando o meirande impacto real tanto na vida dos cidadáns como na mellora da competitividade das empresas. Máis polo miúdo, preténdese fomentar o despregue de redes e servizos para garantir a máxima conectividade dixital, desenvolver a economía dixital, mellorar a eAdministración, reforzar a confianza nos eidos dixitais, impulsar o sistema de I+D en novas tecnoloxías e promover a capacitación para a inclusión dixital e a formación de novos profesionais do sector.