World Community Grid: unha rede de centos de miles de persoas loitando contra a SIDA

venres, 1 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

As posibilidades dun computador potente son grandes, e máis aínda as de dous ordenadores operando “disco duro con disco duro”. Mais, que se pode agardar de 190.000 equipos en liña e outros tantos usuarios levando a cabo operacións para un proxecto computacional concreto e poñendo cada un deles, por así dicilo, un ladrillo do edificio? O que se pode esperar é algo como World Community Grid, iniciativa de IBM para loitar contra doenzas como a SIDA, loita que por certo se conmemora este 1 de decembro en todo o mundo (o real e o virtual) e que volve a poñer de actualidade programas como a que comentamos.
Este proxecto, que só ten un ano exacto de vida, xa ten tras de si un ronsel de 2.000 billóns de cálculos feitos de xeito conxunto polos participantes, repartidos en 185 países. Segundo informou estes días Europa Press, grazas a esta rede conxunta de usuarios e computadores (grid: computación distribuída) conseguiuse finalizar en menos de dez meses operacións que doutra maneira (un mundo sen redes) precisarían dun século de traballo.
A comunidade World Grid, que non só traballa sobre doenzas senón tamén coa finalidade de previr desastres e catástrofes naturais e mediombientais, baséase polo tanto na constitución dun gran sistema virtual de cálculo que se resume no seguinte: dous cerebros e dous computadores, normalmente, funcionan mellor e máis rápido ca un cerebro e un computador. E así sucesivamente.
Máis polo miúdo, as tarefas concretas autoasignadas por esta comunidade foron a identificación do xenoma humano (xa se creou unha base de datos que abrangue a estrutura de polo menos 12.000 proteínas) ou mesmo FightAIDS@Home, que recolle un pouco a testemuña de Seti@Home (sistema conxunto e internacional de ordenadores habilitado na procura de vida extrarrestre) e que conta con 165.000 usuarios axudando na investigación de novos remedios contra a SIDA.
Segundo sinala IBM con motivo da celebración da loita este 1 de decembro, o proxecto (que conta coa colaboración do Instituto Scripps de Investigación de San Diego) fai uso da gran capacidade de proceso da dita rede grid para contar con novos fármacos e predicir as interaccións máis salientables entre as moléculas dos posibles tratamentos para a doenza.


Loita contra as doenzas, tamén dende Galiza


Por certo que nunha liña semellante ó proxecto de IBM temos outro no que participa de xeito moi activo unha entidade galega: o Centro Galego de Supercomputación (CESGA). Trátase do proxecto WISDOM (que é acrónimo de Wide In Silico Docking On Malaria, pero que tamén significa sabedoría en inglés), que ten como finalidade principal unificar a potencia de milleiros de computadores distribuídos por todo o Planeta coma se fosen un único supercomputador virtual, e empregala para deseñar fármacos por ordenador. Estes computadores están distribuídos en 15 países. A iniciativa está liderada polo Fraunhofer Institute for Algorithms and Scientific Computing de Alemaña e o Corpuscular Physics Laboratory de Clairmont Ferrand, en Francia, e conta co apoio de 38 institucións de todo o mundo, entre elas o CESGA.