WhatsApp supera os 5 mil millóns de descargas

luns, 20 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

O ano pasado Facebook converteuse na primeira aplicación para Android allea a Google en superar os 5.000 millóns de descargas, e non debería sorprendernos que a segunda aplicación en conseguir tal fito sexa da mesma compañía: WhatsApp.
A tenda de aplicacións de Google Play xa indica que WhatsApp Messenger superou os 5.000 millóns de instalacións, o que ten especial mérito, xa que non podemos ignorar que Facebook é unha aplicación que vén preinstalada na meirande parte de smartphones con Android, mentres que WhatsApp é unha aplicación que os usuarios instalan activamente, deixando claro que é unha ferramenta que consideran imprescindible, e que para moitos é a xustificación para ter un smartphone.
Dende hai un par de anos WhatsApp presume de ter 1.500 millóns de usuarios activos ao mes, e nos últimos meses a aplicación está procurando achegarse ao mundo da empresa, pero aínda que a forma futura desta ferramenta aínda non está moi clara, é indiscutible que resulta de grande utilidade para conectar a usuarios de todo o mundo e, en especial, de países como España e a India, onde a súa penetración no mercado é case absoluta. Como mostra temos que unha caída parcial do servizo na xornada de onte converteuse en nova dos principais medios de comunicación.

PUBLICIDADE