Warner Bros Games oferta varios dos seus xogos para achegar fondos ao Corno de África

martes, 5 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Os dous primeiros xogos de Batman: Arkham forman parte do novo Humble Bundle

A poucos días do lanzamento de Batman: Arkham Origins dende The Humble Bundle sorpréndennos ofrecendo un novo lote de xogos de Warner Bros Games valorado en 125 dólares e que pode conseguirse parcialmente por a partir de 1 dólar e completo pagando uns 3,45 euros, elixindo o usuario a cantidade total a pagar e o seu reparto entre os desenvolvedores, os organizadores da campaña e unha entidade benéfica (que desta volta é o proxecto We Can Be Heroes, que canaliza as axudas a varias entidades de cooperación no Corno de África).
Estamos ante un dos lotes incluídos nesta iniciativa máis atractivos, principalmente por incluír as dúas entregas da franquía Batman: Arkham desenvolvidas por Rocksteady Studios, que constrúe un arco argumental completo e sólido que valeu unha moi boa aceptación por parte da crítica e do público (e que Warner Bros Games está a completar mediante precuelas); tamén podemos destacar a incorporación do xogo Scribblenauts Unlimited, que achega numerosos retos e quebracabezas que poderemos resolver de xeito imaxinativo; e os terroríficos xogos de acción en primeira persoa F.E.A.R. 2: Project Origin e F.E.A.R. 3 tamén son unha incorporación interesante a esta oferta que completa The Lord of the Rings: War in the North, un xogo de rol de acción cooperativo do que gustarán s seareiros das historia de Tolkien na Terra Media.


Vídeo no que amosan os xogos incluídos neste último Humble Bundle

PUBLICIDADE