Volve e-Destrezas cunha nova manda de recursos para mellorar competencias dixitais

martes, 17 de xaneiro do 2023 Lucía Villaverde

Entre o 31 de xaneiro e o 28 de abril desenvolveranse os oito cursos do programa gratuíto de formación e-Destrezas que a Vicerreitoría de Extensión Universitaria oferta para o segundo cuadrimestre do curso 2022-2023 co obxectivo de desenvolver e mellorar as competencias dixitais do alumnado, PAS e PDI da UVigo. A oferta comezará co curso Fundamentos de Ofimática con Microsoft Office e rematará con Iniciación á programación con Scratch e Arduino.
Outros serán Tradución Asistida: MemoQ; Análise de datos: Excel; Impresión 3D; Xestión de proxectos: Microsoft Project; Fundamentos de Deseño e Autocad e Edición de vídeo e son dixital para a web. As persoas interesadas poderán inscribirse a través do Campus Activo da Uvigo.
“A adquisición de competencias dixitais é unha necesidade e unha esixencia dos actuais sistemas de ensino universitario no marco da Europa do coñecemento e a universidade debe responder a nova expectativas como a aprendizaxe ao longo da vida, o desenvolvemento de habilidades multidisciplinares e as competencias no uso e no manexo de información”, explican desde a Vicerreitoría de Extensión Universitaria.
Os cursos, de 30 horas de duración, que inclúen seis sesións de catro horas presenciais e seis horas de traballo non presencial, e que están organizados coa colaboración do Consello Social da UVigo, desenvolveranse en formato virtual a través de Campus Remoto. Ao rematar a formación, as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo (asistencia obrigatoria ao 85% das horas) con recoñecemento de 1 crédito ECTS para as ensinanzas de grao por cada 30 horas cursadas.

PUBLICIDADE