Volve Pilabot co obxectivo de chegar a 150 centros docentes

venres, 22 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Consellería de Medio Ambiente, en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec), vén de avanzar que a campaña Pilabot (Pilabot.gal) vai ter continuidade este ano, cunha segunda convocatoria coa que se quere mobilizar 150 colexios galegos. Pilabot, como lembraremos, é unha iniciativa para dar impulso á recollida selectiva de pilas, acumuladores e baterías usadas nos centros educativos de Primaria e Secundaria da nosa terra. Trátase, tamén, dun xeito de divulgar entre as novas xeracións os beneficios de seren sustentábeis con respecto aos refugallos electrónicos e eléctricos.
A campaña inclúe como acción estrela un concurso de reciclaxe no que os centros participantes competirán entre si para acadar as mellores cifras de recollida de pilas. En total, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios, que os gañadores deberán destinar á compra de material escolar, deportivo ou á organización de actividades educativas.
Medio Ambiente lembra que durante a primeira edición de Pilabot recolléronse entre todos os centros participantes preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras que representan case a quinta parte das 230,5 toneladas que se recompilaron o ano pasado no conxunto de Galicia.
Os colexios interesados en participar poderán inscribirse a partir de hoxe e ata o 13 de decembro (ou até completar as prazas ofertadas a través da páxina web de Pilabot; e o concurso de recollida de pilas comezará oficialmente en xaneiro e prolongarase ata o vindeiro mes de maio.

PUBLICIDADE