Vodafone lanzará a súa oferta converxente o 20 de abril

venres, 27 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Que Movistar triplique a velocidade das súas conexións de fibra óptica parece ser só o comezo dunha guerra de prezos que viviremos nos vindeiros meses, e agora dende elEconomista dan conta de que Vodafone podería estar a afiar os dentes e lanzarse a competir cunha grande oferta converxente grazas á adquisición de Ono, que vería a luz o vindeiro día 20 de abril, e que serviría para facer fronte aos actuais paquetes de Movistar Fusión.
Vodafone estaría a ultimar os seus paquetes de servizos con descontos para os que contraten as súas liñas móbiles xunto con servizos de banda larga de cable ou fibra, así como servizos de televisión de pagamento. Ao parecer, os últimos pasos dados por Movistar terían provocado o adiantamento destas novas ofertas que fan prever unha guerra de prezos na que podería entrar tamén Orange e incluso Yoigo (de prosperar a compra de activos para permitir a compra de Jazztel por parte de Orange).
Un elemento que fará moi visible a adquisición de Ono por parte de Vodafone é que o operador de cable pechará todas as súas 109 tendas oficiais de xeito inminente, para evitar confundir aos potenciais clientes dos servizos converxentes de Vodafone e tamén para evitar o solapamento de establecementos (os poucos que están distanciados de tendas de Vodafone podería reabrir coa nova marca).

PUBLICIDADE