Vodafone cualifica a compra de Ono de xesto de confianza na economía estatal

luns, 17 de marzo do 2014 Redacción

Vittorio Colao, conselleiro delegado de Vodafone

Finalmente hai constatación oficial: Ono é xa de Vodafone. Tal e como adiantamos en Código Cero o día 7 deste mesmo mes e anunciamos de novo este venres pasado, achegando datos que nos deixaban a rentes da confirmación definitiva (por exemplo a cifra finalmente acordada de 7.200 millóns de euros pola operación de compra), estaba claro que non había volta atrás. Agora, co inicio da semana, a operadora británica confirmou o proceso engadindo unha serie de informacións a ter en conta. Por exemplo, que na devandita cifra inclúese a débeda do grupo español, ou que Vodafone agarda acadar sinerxías de custes e investimentos en capital de arredor de 240 millóns de euros ao ano. Dito doutro xeito: o obxectivo é aforrar a devandita cifra a través da integración de Ono no seu seo.
Ademais, cómpre engadir que a cotización de Vodafone subiu un 1,6% na Bolsa de Londres logo do proceso de compra do grupo español, cousa que se debe a que os hipotéticos beneficios que a transacción podería achegar son aínda maiores cós previstos polos investidores. Segundo informou Vodafone, a compra cumpre cos requirimentos financeiros do grupo para realizar adquisicións e acáelle á súa liña de actividade tradicional “de ofrecer aos clientes unha oferta completa de comunicacións, dende móbil a telefonía fixa”.
A adquisición de Ono, engadiu a empresa nunha entrevista con Expansión, “non só mellorará a posición competitiva da operadora en España, senón que tamén constitúe un acto de confianza no futuro da economía estatal”. Os beneficios xerados pola integración da empresa terán a súa procedencia, principalmente, na unión de redes, nas adquisicións, na mercadotecnia e no traspaso a Vodafone do tráfico de móbiles de Ono que agora se realiza a través de Telefónica, un proceso (este último) que debera estar completado para abril de 2016.

PUBLICIDADE