Virgin tamén cortará a billa dos internautas que máis ficheiros descarguen

martes, 1 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Dicía unha pintada preto do sitio exacto onde se nutre de contidos esta web: “Ser libre non é votar cada catro anos”. Pois ben, aplicado o conto á Internet, ás veces tampouco semella que teñamos moita marxe de manobra para ver e descargar, por moito que digan que a Rede é para que o usuario participe. O problema vén, coma case sempre, coas grandes empresas. Desta volta temos que falar da compañía que no Reino Unido se ten afianzado nos últimos tempos como unha das grandes provedoras de acceso á Internet, a –hai xa moito tempo– compañía discográfica independente Virgin.
A firma, agora centrada no subministro por cable de servizos de conexión, está a sinalar estes días que non todo o monte é ourego e que está moi ben que a xente use a Rede con liberdade, pero o intercambio de porno e cancións, mellor levalo a cabo noutro lugar.
Segundo informa El País, a firma entrou xa en contacto coas entidades que no Reino Unido xestionan os dereitos de autor co obxectivo de dicirlles ós usuarios: “ata aquí chegamos”. Polo visto, unha destas sociedades non é outra que a British Phonographic Industry (BPI), a SGAE británica, e xunto con Virgin están a proxectar a aplicación do modelo chamado dos “tres strikes”, aplicado o pasado verán por Tiscali (e ben visto en España polas entidades de xestión, que xa amosaron o seu desexo de que se implante un sistema semellante). Estes son os tres pasos:
1 Avisar ó suposto infractor de que se está a conducir de xeito incorrecto intercambiando ficheiros nas redes peer to peer.
2 Interromper a conexión de xeito temporal se o usuario non atende ós avisos.
3 Desconectar o acceso de maneira definitiva.