Vigo acolle a finais de febreiro a xuntanza HackSB sobre tecnoloxías abertas e mar

mércores, 20 de xaneiro do 2016 Fernando Sarasketa

Entre os días 27 e 28 febreiro vaise celebrar en Vigo un evento á medida dos seareiros das tecnoloxías abertas con interese en buscarlles aplicación no ámbito do mar. A xuntanza HackSB (Hackaton Sanjurjo Badía), que tamén se presenta como axeitada para os profesionais e investigadores do mar con interese nas tecnoloxías open source e cooperativas, celebrarase no Auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo da man dos desenvolvedores Jesús Sayar e Eloy Coto. Segundo nos contan, o espírito do evento é aberto e afín á diversidade. De feito, trátase dunha “competición onde persoas de moi diferentes perfís, profesionais e estudantes, reuniranse en equipos para crear proxectos de Internet das Cousas, IoT, ligados ao ámbito marítimo”. Ou sexa, que o reto será dar forma de maneira conxunta a prototipos innovadores que favorezan cousas como a pesca, a navegación ou a investigación. Os gañadores recibirán “fantásticos premios”.
A maiores do certame-reto propiamente dito e segundo nos contan os organizadores, durante a competición celebráranse de forma paralela varios workshops que empezarán “dende un nivel básico e irán aumentando de nivel a medida que avance a fin de semana”, o cal supón, nas súas palabras, “unha estupenda oportunidade” para aqueles que estean interesados en ampliar os seus coñecementos sobre tecnoloxías abertas, hardware e software, e as súas aplicacións no noso litoral. Por certo que o evento é completamente gratuíto e inclúe almorzo, comidas e ceas. A intención dos impulsores é chegar a xuntar cen persoas (o límite do aforo).
As columnas vertebrais das xornadas son a Internet das Cousas (polas súas siglas en inglés IoT, un ámbito de experimentación cun “enorme potencial” para facer innovación relacionada co mar) o espírito de aprendizaxe e competición en comunidade (HackSB concíbese como unha competición para construír os “máis excitantes proxectos tecnolóxicos”, onde poderemos aprender asistindo aos workshops do programa ou amosar as nosas habilidades concorrendo co resto dos participantes”).
“Este hackathon”, explican Sayar e Coto, “nace como un intento de revolucionar aos desenvolvedores e movelos a facer instrumentos para os barcos construídos en Galicia, para innovar nas metodoloxías de pesca ou para contribuír á sustentabilidade dos nosos bancos de peixes”. De feito, din, son moitas as innovacións que leva un barco, e “son moitas as oportunidades de que Galicia volva ser un referente neste ámbito”.