Víctor López, da empresa AVA, elixido novo presidente de EGANET

xoves, 25 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

As firmas integrantes da Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) veñen de designar a Víctor López como novo presidente da entidade. A decisión anunciouse a tarde deste xoves 25 de marzo tras a asemblea das 55 empresas que dan forma á dita plataforma empresarial TIC, unha das máis activas á hora de defender os intereses do sector (tal e como se viu estes meses no seu decidido apoio ao Clúster TIC) e na promoción das vantaxes das canles do coñecemento no país. Por certo que no encontro de hoxe tamén se fixo saber a composición da nova xunta directiva que acompañará a Víctor López ao longo dos vindeiros anos no seu posto. O novo presidente, que ten unha ampla experiencia tecnoloxico-empresarial á fronte de AVA (Teo), substitúe a Beatriz Legerén no devandito cargo, quen levaba catro anos á fronte da asociación.
Acompañarán a Víctor López na nova directiva de EGANET, como vicepresidente 1º, Daniel Cerqueiro, da empresa Galinus, de Corcubión; como secretario, Alejandro Lamas, de Sixtema (Santiago de Compostela); e como tesoureiro, Carlos García, de Isenda Telemática (Arteixo). Completan o equipo Ricardo Álvarez, da empresa Netex Knowledge Factory, emprazada en Oleiros, que ocupará a Vicepresidencia 2ª; e Iván Fociños (Hospedaxes, da Coruña) e Pablo López (Hacce Soluciones TIC, de Vigo), como voceiros de Formación e Comunicación, respectivamente.
Ao longo do acto celebrado hoxe en Compostela, o presidente entrante tivo ocasión de anunciar as liñas estratéxicas da súa etapa á fronte de EGANET, liñas que pasan en boa medida por consolidar os logros acadados pola anterior xunta directiva (entre os que se contan meirandes proxección social e representatividade, cun medre salientable da base de empresas sociais) e por afrontar os novos retos establecidos na súa candidatura para este mandato. Entre estes retos atópanse os seguintes: procura de alianzas con entidades para desenvolver proxectos tecnolóxicos, ampliación de servizos ás empresas sociais, incremento de oportunidades de negocio e apoio ás firmas que xurdan no eido das novas tecnoloxías. Neste último senso, está prevista a creación dun programa de titorización para emprendedores de proxectos novos ou en fase de creación que precisen consello e asesoramento nos temas nos que as empresas da asociación TIC teñen máis experiencia.
A traxectoria do novo presidente
O novo presidente de EGANET é licenciado en Ciencias Físicas. Emprendedor en TIC dende o remate dos seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela, cofundou en 2002 a empresa AVA Solucións, na que é consultor de desenvolvemento de negocio e responsable de proxectos. Previamente desenvolveu labores de xestión técnica da rede de telefonía móbil da Xunta, para a empresa Telefónica Servizos Móbiles. Relator en diversos congresos de novas tecnoloxías, Víctor López é membro do grupo de Turismo da plataforma tecnolóxica Vindeira e participou como investigador principal en proxectos de investigación no ámbito de turismo e TIC, con indagacións nas tecnoloxías de personalización e web semántica aplicadas a centrais de reservas; así como noutros eidos de estudo como o dos servizos de banda ampla en zonas non urbanas, antenas de altas prestacións de radiación toroidal para aplicacións WLAN ou Sensor-Software Integrated Network, proxectos desenvoltos en colaboración coa USC e universidades internacionais como a de Perugia e a napolitana Federico II.