Víctor Domingo advirte da intención segreda de Bruxelas de prohibir as P2P

venres, 22 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Se somos dos que empregamos redes P2P e compartimos decote ficheiros con outros internautas pola Internet, cómpre estármonos ao tanto do seguinte: tanto os que defenden o uso libre e a defensa destas canles coma os que esixen o seu peche inmediato e sancións aos seus usuarios, teñen posibilidades de gañar. Dito doutro xeito: os usuarios destas redes teñen que ter en conta que tanto pode ser que todo siga igual como que a billa se peche definitivamente e, a maiores, reciban sobre as súas costas toda a carraxe dunha boa parte da industria da música, o cinema e os videoxogos. Con todo, segundo vén de advertir Víctor Domingo, o presidente a Asociación de Internautas (AI), neste intre case hai máis posibilidades de que gañen os segundos.
De feito, engade, a propia Unión Europea estaría a piques de iniciar a prohibición total das P2P e dar renda solta a un dos peores pesadelos dos usuarios do eMule (por poñer un exemplo): a espionaxe polo miúdo dos seus movementos.
Porén, sinala, a comunidade internauta ben pode evitalo. Para comezar, el e máis a organización que representa vén de pór en marcha unha iniciativa polas liberdades civís que vaia en contra da vixilancia e, de paso, contra o canon dixital, denunciando deste xeito as enmendas segredas presentadas ao paquete de Telecomunicacións no Parlamento Europeo. Para Domingo, é hora de facer algo definitivo, agora que se está a “tratar de introducir aspectos de dubidosa legalidade pola porta de atrás”.
Ao seu xuízo, das devanditas enmendas, a máis preocupantes son as achegadas polo Reino Unido, un país especialmente belixerante nos últimos tempos co emprego das canles abertas de compartición (tal e como informamos nesta web os días pasados). Segundo informa Domingo, a parte dos textos que corresponde a aquel país van encamiñadas a establecer medidas técnicas para evitar ou detectar infraccións da propiedade intelectual.

PUBLICIDADE