Unha aplicación permite optimizar os vídeos de baixa calidade gravados con móbiles e cámaras dixitais

martes, 24 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Estamos afeitos a retocar as nosas fotografías domésticas a través de distintas ferramentas para dotalas dunha aparencia case profesional, corrixindo a iluminación, o encadre, o contraste, o gran… e esta práctica tamén a podemos trasladar ao vídeo (cada vez máis habitual grazas ás opcións de captura das cámaras fotográficas e os móbiles) grazas a vReveal, unha aplicación de MotionDSP que aplica filtros aos vídeos para dotalos de máis calidade, corrixindo a vibración, eliminado o ruído e os artefactos de compresión e realizando toda unha serie de axustes que permiten que os vídeos de baixa calidade dean o pego.
Amais, o programa fai uso da tecnoloxía CUDA de nVIDIA, de xeito que os seus procesos contan co apoio da tarxeta de vídeo do equipo (de contar cunha gráfica compatible). No mellor dos casos esta opción podería quintuplicar a velocidade de traballo con vReveal.
O programa ten un prezo bastante axustado (49,99 dólares), e a meirande parte dos axustes poden realizarse cun único clic, aínda que tamén contempla a posibilidade de facer axustes finos, e os resultados conseguidos poden gravarse en WMV ou AVI (ata unha resolución de 1.280 x 720 píxeles) e mesmo cargarse directamente a YouTube. De xeito nativo vReveal soporta ficheiros AVI, MPG, ASF e WMV, podendo operar tamén con MOV, MPEG-4 e 3GP de contar coa instalación de Quicktime.


Exemplo de optimización de vídeo con vReveal

PUBLICIDADE