Un investigador da EPS de Lugo achega unha completa app sobre a produción en plantacións de eucalipto

venres, 16 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

Juan Daniel Garcia Villabrille, segundo pola dereita, cos directores da súa tese de doutoramento

O enxeñeiro de Montes Juan Daniel García Villabrille, investigador asturiano ligado arestora á Escola Politécnica Superior de Lugo, vén de achegar unha aplicación de acceso de balde onde se amosan (entre outras cousas) os modelos de medre e produción de plantación de eucalipto (Eucalyptus globulus labill). A ferramenta chámase EucaTool e é de acceso gratuíto. Nela amósanse todos os parámetros e os resultados recollidos na tese de doutoramento Modelización do crecemento e a produción de plantacións de Eucalyptus globulus Labill. No Noroeste de España, que vén de presentar Juan Daniel na EPS do Campus de Lugo. O traballo foi dirixido polos profesores da USC Alberto Rojo Alboreca e Ulises Diéguez Aranda, así como polo tamén investigador na EPS Felipe Crecente Campo. A tese presenta un modelo de crecemento e produción para rodais da especie destinados principalmente á produción de celulosa.
Segundo informa a Universidade de Santiago, a información empregada na investigación de García Villabrille proveñen dunha rede de parcelas, instalada e deseñada ex professo e coa que se que trata de cubrir a variedade de materiais de reprodución, idades, densidades e calidades existentes para a especie na rexión. O modelo de crecemento accesible en EucaTool inclúe funcións de transición para predicir o crecemento en altura dominante e área basimétrica das plantacións de eucalipto, así como a evolución do número de pés. Tamén se inclúen tarifas de cubicación con e sen cortiza de árbore individual e de rodal, así como ecuacións de biomasa de árbore individual e de rodal. O último compoñente do modelo é unha función de desagregación para a predición de diámetros e o número de pés en cada clase diamétrica.
No que atinxe aos usos que pode fornecer a aplicación web, García Villabrille sinala que é de “moi doado” e ademais achégase en acceso libre, permitindo a calquera produtor/usuario coñecer datos de interese a prol de acadar unha maior produtividade da súa plantación, ao tempo que lle brinda a posibilidade de escoller entre distintas opcións á hora de xestionar unha plantación de eucaliptos.

PUBLICIDADE