Un informe sinala que o crecemento do consumo de vídeo nos trebellos non ofrece aínda beneficios

xoves, 12 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

O medre do consumo de vídeo nos dispositivos non achega aínda beneficios. Esta é unha das conclusións que se tiran dun novo informe sobre tendencias globais de vídeo elaborado por Videoplaza (plataforma de xestión de publicidade audiovisual para editores de contido) e IHS Screen Digest (firma de analistas). Máis polo miúdo, na súa investigación sinálase que o medre da distribución de contidos por IP non está a acadar “un nivel comparable de investimento en publicidade nos diferentes trebellos conectados, destacándose a televisión, polo de agora, como a primeira opción para chegar ás audiencias de nivel nacional e desenvolver campañas de coñecemento de marca”.
O estudo apunta a que vivimos nun punto de inflexión: as novas canles e aparellos amosan un gran potencial e a televisión, pola súa parte e nun senso máis ou menos tradicional, ofrece sinais de esgotamento como plataforma de publicidade. Para Videoplaza, “a urxencia por distribuír contido para a crecente gama de dispositivos conectados supón un reto empresarial e tecnolóxico para as plataformas de televisión tradicional, atrapadas entre os seus vellos modelos de negocio e a necesidade de innovar”. O estudo en cuestión pon de manifesto que “os grupos editoriais deben pór en marcha unha clara estratexia de monetización do contido IP, ao tempo que se moven para chegar ás audiencias conectadas”. En definitiva, o informe amosa que as empresas deben tomar cartas no asunto para aproveitar a oportunidade que presentan os dispositivos conectados como tabletas, teléfonos intelixentes e televisións conectadas.