Un grupo de estudantes da FIC competirá no encontro nacional de analítica de datos Cajamar UniversityHack 2023

xoves, 4 de maio do 2023 S. P.

Será o vindeiro 15 de maio cando teña lugar en Valencia a competición universitaria de analítica de datos máis grande de España, coñecida como Cajamar UniversityHack 2023. Un grupo de estudantes do Máster Universitario en Técnicas Estatísticas da Universidade da Coruña vén de acadar a clasificación para a fase final deste encontro, trátase dos R-Commanders, formado por: Marcos Gómez Rodríguez, Antón Quintela Ferreiro e Álvaro Añón Dosil,.
O Cajamar UniversityHack 2023 é unha competición nacional en analítica de datos na que anualmente participan equipos dos mellores centros formativos de España en Ciencia de Datos. O obxectivo é enfrontar un reto específico que este ano consistiu en predicir a produción dunha campaña dos viñedos que conforman a cooperativa La Viña, unha importante bodega do sector vitivinícola valenciano. Para iso, os equipos participantes dispoñían de producións históricas e de datos meteorolóxicos.
Os estudantes da Facultade de Informática da UDC resultaron vencedores na fase local e representarán á Universidade da Coruña na fase nacional.
Para máis información desta competición cómpre visitar a web de Cajamar.

PUBLICIDADE