Un estudo conclúe que Galicia está entre as comunidades que máis usan os medios dixitais

venres, 24 de marzo do 2023 S. P.

De esquerda a dereita, Sergio Martín, Ana Isabel Rodríguez, Antonio López, Josep Alonso e Fernando Jáuregui. FOTO: Santi Alvite

O pasado mércores, 22 de marzo a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) facía público o resultado dunha sondaxe de cinco mil mostras sobre o consumo de prensa en papel elaborada por Metroscopia e a Fundación AXA para o foro independente Xorn. As conclusións tiradas deste traballo de investigación din que Galicia atópase á cabeza do consumo de prensa en papel, amais de ser a comunidade que se declara máis informada no referente á actualidade política e tamén a de maior consumo de medios dixitais. O reitor da USC, Antonio López; a decana do centro, Ana Isabel Rodríguez; o presidente da Fundación AXA, Josep Alonso; o presidente do Foro Xornalismo 2030, Fernando Jáuregui; e o seu director, Sergio Martín, foron os encargados de dar conta dos resultados deste estudo.
Segundo os datos obtidos, Galicia salienta en canto á esixencia de que, para que unha sociedade sexa realmente libre e democrática, existan medios de comunicación de calidade, libres e independentes. Un 91% dos enquisados polo foro Xornalismo 2030 así o cre, unha porcentaxe que se rebaixa algo, ata o 87%, no conxunto de España. Igualmente os galegos e galegas son os primeiros do Estado (un 86%) á hora de opinar que unha ampla diversidade de medios informativos independentes permite detectar e controlar os abusos de órganos ou institucións poderosas, sexan públicos ou privados.
A sondaxe evidencia que as persoas galegas se senten mellor informadas (86% fronte ao 83% da media estatal), máis interesados na política do Estado (77 fronte a 69%) e na información local, que é, en todo caso, a que máis atención reclama á cidadanía en España. En canto á lectura de xornais de papel, que é a principal fonte de información para o 46% fronte ao 33% a nivel estatal. Engadir que os e as galegas prefiren os medios privados fronte aos públicos á hora de informarse, 28 fronte ao 23%, mentres que, a escala estatal é á inversa: 21 fronte ao 33%.
Se a análise é por idades, a cousa muda moito, o uso dos medios máis tradicionais non é para os máis novos que prefiren informarse polas redes, nas que confían moito máis que os seus maiores.
Apréciase nas respostas a procura por parte da mocidade de novas redes sociais, que case non empregan os maiores. Un 41% dos galegos usa TikTok, un 57% non o emprega nunca, e un 23% usa Twitch. Un 39% cre que as redes son unha fonte de información “realmente fiábel” fronte ao 34% que non o cre así. Un 59% dos enquisados entre 18 e 29 anos amosa gran confianza nas redes, mentres que esta porcentaxe descende ao 28% no caso dos maiores de 65 anos.
Galicia tamén salienta no que se refire á valoración do chamado xornalismo cidadán: un 69% está de acordo coa afirmación de que “calquera experto nun tema concreto pode informar directamente sobre o mesmo de maneira axeitada e comprensíbel sen necesidade de axuda ou intervención dun xornalista”, fronte ao 15% que o rexeita. Con todo, un 57% cre que “presenciar un feito non converte a ninguén en xornalista, xa que para informar de forma fiábel e veraz só un xornalista profesional sabe como contrastar e avaliar informativamente o que ocorre”.
En resumo, a enquisa, que en Galicia recolleu case trescentas mostras, indica que os galegos se senten bastante ou moi informados, que saben xeralmente detectar as novas falsas (fake news) e que están lixeiramente máis dispostos que a meirande parte dos españois (28 fronte a 24%) á hora de subscribirse a algún diario de papel, dixital ou muro de pago. Asemade, amósase unha actitude crítica fronte á información que reciben: un 56% desconfía de que os medios sexan realmente libres e independentes fronte a un 41% que cre que “sempre ou a maior parte das veces” os medios informan libre e independentemente. Esta crítica esténdese á pregunta sobre se os medios españois distinguen axeitadamente entre información e opinión: un 68% cre que non, fronte ao 64% que opina o contrario.
Para rematar, a valoración positiva dos medios aumentou tras a pandemia en relación con sondaxes anteriores elaboradas por Xornalismo 2030. Un 40% dos galegos cre que os medios de comunicación achegan unha visión fiábel da vida política e social, mentres que un 35% pensa o contrario.

PUBLICIDADE