UCGAL e Ecoembes lanzan un concurso en Twitter para fomentar a reciclaxe

luns, 25 de maio do 2020 S. P.

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e Ecoembes veñen de pór en marcha o Concurso de Fíos #HistoriasRecicladas, destinado a promover o coidado do medio ambiente e a economía circular. O prazo para participar no certame, que se realizará a través de Twitter, comeza o 25 de maio. A persoa gañadora gozará dun ano de asociada á Unión de Consumidores de Galicia, un lote de produtos de Ecoembes e unha camiseta dos Benfeito.
Segundo informan a UCGAL e Ecoembes acerca dos porqués do certame dixital-ambiental, durante o 2019, cada galego depositou 12,9 quilos de envases de plástico, latas e bricks no contedor amarelo e 14,9 quilos de envases de papel e cartón no azul, o que se traduce nun 10,1% e 5,6% máis que no 2018, respectivamente, unhas cifras que confirman a tendencia ascendente do contedor amarelo, cuxo uso medrou un 31,3% nos últimos cinco ano.
O certame convida aos usuarios e usuarias a “afiar a tecla e mailo enxeño” para dar forma a unha historia, totalmente orixinal, sobre a reciclaxe dos envases plásticos e de papel e cartón a través da rede social Twitter. Unha proposta coa que UCGAL e Ecoembes buscan “continuar fomentando esa conciencia medioambiental e coñecemento sobre o tratamento de residuos”.
Para contextualizar a trama, que poderá estar escrita en galego ou castelán, as persoas participantes escollerán un conto clásico infantil como, por exemplo, Carapuchiña Vermella, Os tres porquiños, Riciños de Ouro ou O traxe novo do emperador.
O fío de chíos (tuits) deberá constar dun mínimo de sete publicacións e un máximo de 40. O primeiro chío, que non contará a efectos de extensión máxima, terá que levar o cancelo-etiqueta de #HistoriasRecicladas e a mención a @ConsumidoresGal e @Ecoembes. Así mesmo, as historias poderán ir acompañadas de imaxes, GIF, vídeos, emoticonas e todos os recursos complementarios que ofrece a rede social.
Para participar no certame será necesario ter máis de 18 anos e dispoñer dunha conta persoal activa en Twitter. O prazo para publicar as propostas abrirase o vindeiro luns 25 de maio ás 00.00 horas e pecharase o 14 de xuño ás 23.59 horas.
As bases do Concurso de Fíos #HistoriasRecicladas e toda a información relativa ao mesmo pode consultarse na páxina web da Unión de Consumidores de Galicia.

PUBLICIDADE