Terras Gauda acollerá o desenvolvemento dun revolucionario proxecto europeo de robótica agraria

martes, 8 de xuño do 2021 S. P.

A multinacional tecnolóxica Atos vén de compartir os detalles dun relevante proxecto de seu en Galicia, centrado, concretamente, na transformación tecnolóxica dos sectores ligados á actividade agraria. Máis polo miúdo, trátase do proxecto europeo FlexiGroBots, liderado por Atos en colaboración con dous socios españois (o Consello Superior de Investigacións Científicas e a empresa viguesa Seresco) e dirixido a fomentar o uso da robótica na agricultura. Desenvolverase (entre outras localizacións) nas explotacións da adega Terras Gauda, con sede no Rosal (Pontevedra).
Esta iniciativa ten como obxectivo “capacitar aos fabricantes de robots, enxeñeiros e provedores de servizos para construír e pór en marcha sistemas baseados en múltiples robots para a industria agroalimentaria co obxectivo de axudar aos responsábeis das explotacións no seu traballo diario”. Financiado no marco do programa Horizonte 2020, o proxecto desenvolverá unha plataforma innovadora para facilitar o uso da robótica a través de tres proxectos piloto a gran escala en Europa.
No caso concreto da contorna española, elixíronse as adegas de Terras Gauda, grupo constituído por catro explotacións que ten presenza nas catro principais zonas vinícolas de España e na actualidade comercializa ao redor de 2 millóns de botellas en máis de 45 países.
Segundo explican dende Atos, “a adopción de novas tecnoloxías no sector agrícola incrementouse exponencialmente nos últimos anos, desatando o novo paradigma da Agricultura 4.0, onde a robótica, a Intelixencia Artificial e a automatización xogan un papel fundamental no manexo de cultivos e a agricultura de precisión ao abordar as necesidades de monitoraxe e a toma de decisións en tempo real”. Porén, a multinacional francesa recoñece que os sistemas actuais de robots “carecen de flexibilidade, xa que están deseñados para levar a cabo misións moi específicas e non poden asumir outras tarefas nin cooperar con outras tecnoloxías robóticas, o que xera unha falta de retorno do investimento para os agricultores”. O proxecto FlexiGroBots xorde para emendar esta eiva.
Terá unha duración de 36 meses e, ao seu abeiro, desenvolverase e validarase unha plataforma aberta que apoie a creación de sistemas multi-robot flexíbeis e heteroxéneos que permitan a cooperación e autonomía de múltiples trebellos. Estes incluirán UAV (vehículos aéreos non tripulados) e UGV (vehículos terrestres non tripulados).
Ao abeiro de FlexiGroBots, o grupo de investigación e innovación de Atos actúa como coordinador do proxecto, garantindo a execución das actividades planificadas e o seguimento e supervisión global do mesmo. A multinacional axudará a realizar a análise dos requisitos e a deseñar a arquitectura de referencia e liderará a súa posta en funcionamento e sincronizará os tres pilotos.
"Este proxecto encaixa perfectamente co obxectivo de Atos de contribuír á dixitalización das industrias europeas, incluída a agricultura, mediante o desenvolvemento de aplicacións e servizos innovadores baseados en Intelixencia Artificial, datos e robótica de confianza, comenta Daniel Calvo Alonso, responsábel da unidade de Intelixencia Artificial, Big Data e robótica do Departamento de Investigación e Innovación de Atos e coordinador do proxecto FlexiGroBots.
A plataforma FlexiGroBots validarase en tres proxectos piloto reais:
- Viñedos (España): Demostrar a alta capacidade e versatilidade dos robots para realizar diferentes tarefas en viñedos, contribuíndo á calidade da uva para a produción de viño e á rendibilidade económica xeral.
- Campos de colza (Finlandia): Demostrar a xestión de pragas en tempo real e a robotización de frotas de maquinaria pesada en pasteiros.
- Campos de arandos (Serbia e Lituania): Demostrar o potencial das solucións robóticas innovadoras, con técnicas avanzadas de detección remota, aprendizaxe profunda e apoio á toma de decisións, no cultivo de arandos.

PUBLICIDADE