Telefónica mellorará as telecomunicacións e servizos do Concello de Ames

xoves, 7 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Hoxe formalizouse e visualizouse, cun acto institucional, o acordo entre o Concello de Ames e Telefónica do que falamos os días pasados dende Código Cero, un contrato mediante o cal o Goberno de Ames adxudica á operadora o servizo de telecomunicacións fixas e móbiles, transmisión e almacenamento de datos e acceso a Internet de banda larga durante os vindeiros tres anos. Na sinatura participaron o alcalde de Ames, José Miñones, e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. Como lembraremos, a compañía resultou adxudicataria en UTE con Movistar do concurso convocado polo Executivo local.
Segundo fixeron saber, o novo contrato, adxudicado por un valor de 263.158,06 euros e que abrangue a posibilidade de ser prorrogado un ano máis, introduce melloras en canto ao incremento da velocidade de acceso a Internet da Administración local, que pasará do 20Mbps actuais aos 250Mbps simétricos. Asemade, Miñones e Menéndez recordaron que se optimizará de forma moi sensible a velocidade de conexión coas 16 sedes municipais remotas, “o que permitirá axilizar a xestión da documentación ao crearse unha rede privada virtual interconectando todas as sedes, e máis a velocidade da infraestrutura da rede local”.
O contrato contempla tamén a implantación dun novo sistema de telefonía fixa IP e móbil integrado, segundo fixeron saber Miñones e Menéndez “máis fiable e con terminais de última xeración”, que serán xestionados desde sistema de comunicación centralizado na nube, abríndose a porta para unha importante posta a punto da atención do Concello aos veciños. Tamén se vai optimizar o servizo de streaming, que estará dotado con ata 600 Gb de almacenamento e posibilitará a reprodución de contidos dixitais en directo.
Por outra banda, a posta en marcha do novo servizo permitirá a instalación dun novo sistema Wi-Fi nas casas da Cultura de Bertamiráns e de Milladoiro e na biblioteca deste último e a instalación dun novo servizo 092 para a Policía Local.