Telefónica informa de que xa están amañadas as liñas de Pedrafita

venres, 4 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Segundo informa Telefónica, os problemas de subministro no servizo de telefonía móbil e fixa denunciados estes días polos veciños de Pedrafita, xa están arestora amañados, polo que “toda a veciñanza dispón xa de comunicación”, sinala a compañía. Así se reflicte en El Progreso, que deu conta dunha carencia de liña e cobertura máis ou menos xeneralizada no concello que se estendeu no tempo arredor dunha semana.
Polo que di a operadora de telecomunicacións, os problemas viron dados por un mal funcionamento dunha das estacións que favorecen o servizo de liñas fixas e móbiles, circunstancia que non puído ser arranxada por mor do xeo que cubría os accesos, ao igual que os propios aparellos da estación.
Estas avarías afectaron sobre todo ás parroquias de Veiga de Forcas e Zanfoga, pero tamén limitaron a calidade do servizo noutras zonas, onde xa decote se dan carencias importantes de cobertura.