Startup Galicia organiza un ciclo de webinars sobre as tecnoloxías que precisaremos para recuperarnos

luns, 20 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

A asociación Startup Galicia vai pór en marcha unha importante iniciativa que bota luz sobre a paisaxe que albiscaremos, económica, social e tecnoloxicamente, cando remate o Estado de Alarma. Trátase dun ciclo webinars sobre as tendencias tecnolóxicas máis relevantes na “economía post-COVID”, impulsado grazas a colaboración de directivos e profesionais das startups e empresas tecnolóxicas galegas. Os seminarios virtuais As tecnoloxías que necesitaremos para saír adiante serán de balde e estarán enfocados sobre todo aos nosos directivos e profesionais de todos os ámbitos que queiran coñecer o potencial destes recursos e as posibilidades que abren.
O primeiro evento online vaise celebrar o vindeiro martes 28 de abril, as 18.00 horas, e tratará sobre Economía Circular e Tecnoloxía. O experto nesta ocasión será Miguel Varela, co-fundador e director executivo de Teimas, tecnolóxica especializada en software na nube para o sector da economía circular, xestión de recursos e residuos e sustentabilidade, que abordará as correntes globais en relación á xestión de recursos e economía circular, o Pacto Verde europeo ou os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU. O evento é gratuíto pero hai que rexistrarse xa nunha ligazón específica.
Ao devandito seminario virtual impartido por Teimas seguiranlle outros sobre formación online, ciberseguridade, xestión documental ou Realidade Aumentada, que se irán sucedendo nos vindeiros días e semanas. Para manternos informados sobre a natureza dos mesmos podemos visitar a web de Startup Galicia ou o seu Twitter.
O papel fundamental das TIC para que a economía siga en marcha
En palabras da organización, o ciclo de webinars quere saír ao paso das principais consecuencias produtivas, económicas e profesionais que está a carrexar a pandemia, axudándonos na adaptación plena ás novas circunstancias, que serán, ninguén dubida diso, ante todo diferentes: “Se algo queda claro nesta crise (se antes non o estaba) é o papel central que as TIC e as novas tecnoloxías en xeral teñen no funcionamento e produtividade de todas as empresas. As tecnoloxías da información permitiron que a actividade económica non se parase por completo durante o confinamento, algo impensábel apenas un par de décadas atrás, e a súa importancia vai aumentar nos tempos que veñen”.

PUBLICIDADE