Sherpa estrea versión 2.0 coa vista posta na internacionalización

luns, 25 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Sherpa, a aplicación móbil española que moitos definen como o Siri para Android, que mediante o recoñecemento de voz permite responder a preguntas, reproducir música, atopar restaurantes e farmacias, consultar resultados deportivos, informar do estado do tempo, xestionar a axenda, chamar por teléfono e moitas outras funcións vén de renovarse, chegando xa á súa versión 2.0, o que supón unha renovación da súa interface de uso, a integración con LinkedIn e incluso a posibilidade de asignar parentescos para realizar chamadas ou identificar lugares (casa, traballo...) avanzando cara a unha maior adaptación ao usuario.
Este asistente de voz non só está a mellorar o seu software, senón que tamén está a ampliar miras de cara á súa internacionalización, e vén de conseguir 1,6 millóns de dólares a través un empréstamo participativo realizado principalmente por business angels españois, o que permitirá que a empresa poida desembarcar nos EE.UU. e afrontar unha nova quenda de financiamento a nivel internacional.

Conflito de nomes

Pero o lanzamento norteamericano de Sherpa podería non ser tan doce como sería de agardar, pois estes días tamén está a nacer unha aplicación para iPhone chamada Sherpa, que é un asistente persoal preditivo obra de Bill Ferrell, que fora xefe de produto de Google AdWords, e que hoxe mesmo comeza a ver a luz. Agardemos que ao non existir nas mesmas plataformas móbiles non haxa problema entre ambas ferramentas á hora de acudir na procura de financiamento.

PUBLICIDADE