SNK prepara un mando arcade con xogos preinstalados

martes, 10 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Tirando proveito da febre retro que invade o mundo dos videoxogos, SNK comercializa unha NEOGEO mini con 40 xogos preinstalados e agora, seguindo os pasos da Capcom Home Arcade, anuncia que está a preparar o NEOGEO Arcade Stick Pro.
Falamos un mando de xogo arcade, ou sexa, co mesmo estilo das máquinas recreativas, inspirado nos controis da NEOGEO CD, que pode empregarse como mando da mencionada NEOGEO mini (ou dun ordenador persoal), pero que tamén funciona de xeito autónomo conectándoo a un televisor por HDMI, de xeito que operaría como unha consola de videoxogo con 20 xogos de loita de SNK precargados. Funcionando como consola tamén sería posible engadirlle os mandos externos da NEOGEO mini, para así poder tirar proveito dos xogos que permiten competir a 2 xogadores á vez en local.
Polo momento non detallan o prezo, a data de lanzamento e o catálogo de xogos incluídos, pero podemos contar cun prezo bastante elevado de saída (entre 129,99 e 229,99 euros, se atendemos aos precedentes) e os xogos de loita incluídos na NEOGEO mini, o que sería unha proposta cun atractivo moi discutible, que iría dirixida basicamente aos incondicionais de SNK.

PUBLICIDADE