SIVSA fornecerá de computadores a colexios públicos de toda Galicia

venres, 1 de decembro do 2017 Redacción

A empresa galega SIVSA, da que temos falado en Código Cero para salientar as vantaxes e características pioneiras das plataformas Fenix e Geenie, vai abastecer de computadores ao alumnado de colexios públicos de toda a xeografía galega. Este subministro vén dado pola adxudicación a SIVSA, por parte da Xunta de Galicia (a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA), da subministración e mantemento dos equipos informáticos para estudantes do proxecto Abalar-EDIXGAL, que facilita o acceso ás novas tecnoloxías a alumnos e profesores de toda Galicia. En virtude disto, a firma iniciará nas vindeiras semanas, e até final de ano, a achega de 14.600 computadores de última xeración nos colexios públicos galegos.
A Xunta valorou a elección por parte de SIVSA dun hardware HP deseñado e fabricado especialmente para o ámbito educativo, de calidade contrastada e cun soporte técnico de primeiro nivel. Estes equipos, explica a empresa con sede en Vigo, inclúen un procesador de última xeración, avanzado e de alto rendemento, “que permitirá aos alumnos utilizar eficazmente os programas, contidos dixitais e ferramentas máis avanzadas”. Ademais, SIVSA dotará tamén aos computadores de lapis apuntador, nas súas palabras unha ferramenta “de gran utilidade na dinámica da educación con soporte dixital”. Ademais do dito fornecemento, SIVSA realizará o soporte técnico e mantemento durante o próximos cinco anos, para garantir o uso dos equipos por parte do alumnado.

PUBLICIDADE