SIVSA dará forma a novos sistemas marítimos para AMTEGA

xoves, 10 de novembro do 2016 Redacción

A empresa galega SIVSA, centrada en sistemas marítimos, resultou adxudicataria de dous concursos públicos sobre tecnoloxías marítimas impulsados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Os dous concursos teñen en común a mellora dos sistemas de información ligados ao mar. Trátase, por unha banda, dunha licitación para o desenvolvemento dun sistema de información para a xestión no eido de recursos marisqueiros. Pola outra, dun proxecto de desenvolvemento dun sistema de información para a mellora da calidade da Plataforma Tecnolóxica de Pesca (Rexistro de Buques de Galicia e Permisos de Marisqueo a Pé).
E en que consistirán estes proxectos? No primeiro dos casos: deseñar, construír e manter un sistema de información no eido dos recursos marisqueiros. Amais de xestionar e facer un seguimento dos plans de explotación marisqueira.
O segundo proxecto, exporá o deseño, desenvolvemento e mantemento dun sistema de tramitación administrativa e rexistro para dúas tipoloxías de información mestra: o rexistro de buques de Galicia e os permisos de marisqueo a pé.
Informar que a plataforma tecnolóxica na que se van desenvolver estes proxectos é a definida como corporativa de AMTEGA. Nela realizarase o desenvolvemento de aplicacións. Os principais compoñentes son: servidor web Apache, servidor aplicacións Java JBoss, servidor de base de datos SQL Server, JEE, JRE, Maven 3, Spring e Hibernate, entre outros.
O prazo de execución dos traballos é dun ano en todos os casos.
SIVSA, como lembraremos, non é unha empresa acabada de chegar ao ámbito da comunicación e a xestión de recursos marítimos. De feito, é unha das grandes impulsoras de Smarnet, proxecto encamiñado a aplicar metodoloxías smart no ámbito litoral e da pesca e a permitir cousas coma o seguimento en tempo real da nosa frota pesqueira de baixura. A adxudicación dos ditos concursos, proceso no que repercutiu positivamente a experiencia de SIVSA no sector marítimo-TIC, achegará de maneira consolidada unha contratación por importe de 387.000 euros. “Estas adxudicacións”, sinalan os responsábeis da firma galega, “poñen de manifesto a importante colaboración de SIVSA coa Consellería de Mar e AMTEGA en relación coa modernización tecnolóxica dos sistemas”.

PUBLICIDADE